7 Post sobre Carvalho Calero

7 post sobre Carvalho Calero

No ano 2020 o Día das Letras Galegas está adicado a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago, 1990), coincidindo cos 110 anos do seu nacemento e os 30 anos do seu pasamento. Calero é unha das figuras senlleiras da nosa cultura, un intelectual polifacético que destacou como escritor, crítico, profesor e lingüista, pero sobre todo como a persoa que logrou a canonización da historia da literatura galega.

A biblioteca do Porriño aproveita a celebración das Letras Galegas deste ano para dar a coñecer a súa figura ao longo dunha semana. Para iso, irá publicando en internet 7 posts diarios de luns a domingo (17 de maio, Día das Letras Galegas), onde destacará os 7 aspectos máis salientables deste personaxe sobranceiro da cultura galega.


#1 Os inicios: coa xeración Nós
(publicación, luns 11 de maio)

Carvalho Calero naceu e creceu no barrio do Ferrol Vello, ata que se trasladou a Santiago de Compostela para estudar Dereito. Foi na capital onde entraría en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da época. Deste xeito, no 1927 Calero ingresa no no Seminario de Estudos Galegos onde acabou formando parte das seccións de Historia da Literatura e de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.

Un ano máis tarde iniciaría a súa colaboración coa revista Nós, que se prolongaría ao longo de sete intensos anos onde publicou múltiples textos de diferente tipo: once poemas, nove recensións de libros, catro artigos de crítica literaria e tres artigos sobre literatura e cultura galega. Ademais da revista Nós, Calero tamén colaborou naquela época inicial da súa actividade con outras importantes publicacións como A Nosa Terra, Guión ou Galiza.


#2 A actividade política: co Partido Galeguista
(publicación, martes 12 de maio)

Durante a súa época santiaguesa, Calero entrou en contacto coa cultura e a política do galeguismo. Aínda que xa tiña participado no activismo estudantil da man da Federación Universitaria Escolar, as súas preocupacións políticas acabarían por manifestarse decididamente no ano 1931, cando participa na creación do Partido Galeguista.

Calero sería un personaxe activo do PG, colaborando na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia xunto con Valentín Paz Andrade, Alexandre Bóveda, Vicente Risco e Lois Tobío. Ademais, Calero ocuparía o cargo de presidente do partido en Ferrol, e no 1936 sería elixido compromisario pola provincia da Coruña na candidatura da Fronte Popular para a elección do presidente da República.


#3 O combatente: a Guerra Civil
(publicación, mércores 13 de maio)

A sublevación militar de 1936 sorprendeu a Calero en Madrid, onde opositaba para profesor de instituto de Lingua e Literatura. Como galeguista, fervente defensor da República e con algunha experiencia militar previa (xa que realizara o servizo militar en Santiago de artilleiro), participou na defensa de Madrid como miliciano no batallón Félix Bárzana da FETE-UGT, sindicato no que militaba. Despois dunha formación en Paterna sería ascendido a tenente, loitando e sendo detido máis tarde polas forzas franquistas na fronte de Andalucía.


#4 O represaliado: a longa posguerra
(publicación, xoves 14 de maio)

Despois de ser detido polas forzas franquistas na fronte de Andalucía, Calero sería condenado en consello de guerra a doce anos de prisión por “separatista”, e encarcerado no antigo convento de Santa Úrsula de Xaén. O tempo na cadea deixaría pegada en varias das súas obras posteriores, como a novela Scórpio, as pezas teatrais A sombra de Orfeo e Os xefes, ou o poema «Fugíamos da nossa vida».

Tras ser liberado de forma provisional en 1941, regresou á súa cidade natal de Ferrol. Ao estar inhabilitado para traballar na función pública, durante varios anos a familia subsistiu grazas ao traballo da súa muller, a tamén historiadora María Ignacia Ramos. Sería o filántropo e empresario Antonio Fernández López quen acudiría na súa axuda, ofrecéndolle a posibilidade de traballar no colexio privado Fingoy de Lugo, traballo que Calero desenvolvería entre 1950 e 1965 como conselleiro delegado, xa que non estaba autorizado ao exercer o cargo de director. A cancelación oficial dos seus antecedentes penais non se produciría ata 1963.


#5 O escritor: de Trinitarias a Scórpio
(publicación, venres 15 de maio)

Carvalho Calero foi un gran escritor, que cultivou todos os xéneros literarios e ocupou parte da súa xubilación en revisar e reeditar a súa obra. Comezaría a súa carreira literaria en castelán publicando o poemario Trinitarias (1928), pero pouco despois pasaríase ao galego no poemario Vieiros (1931), ao que seguirían La soledad confusa (1932) e O silenzo axionllado (1934). Logo do paréntese da Guerra Civil e posguerra, Calero publicaría (aínda que foron escritos con anterioridade) os poemarios Anxo da terra (1950) e os Poemas pendurados dun cabelo (1952).

Calero tamén traballaría na dramaturxia a través de pezas de teatro como O fillo (1935, publicada en 1982), que recibiría o premio de teatro Castelao en Bos Aires no 1947, e no xénero da novela, onde tamén produciu obras notables. Así destacar a premiada Xente da Barreira (1951), e a súa derradeira obra literaria e novela máis coñecida, Scórpio (1987).


#6 O lingüista: a súa obra fundamental
(publicación, sábado 16 de maio)

Calero xa tiña iniciado os seus estudos sobre historia e crítica da literatura galega nos seus tempos da Xeración Nós, pero será a partir da súa estadía e Lugo na posguerra onde recupera o contacto coas súas investigacións. Comeza a preparar a súa tese de doutoramento que defenderá en Madrid en 1955 co título «Aportaciones a la literatura gallega contemporánea», unha tese que desembocará, por encargo da editorial Galaxia, na súa obra fundamental e máis recoñecida: a Historia da literatura galega contemporánea (1963).

Os seus estudos como lingüista continuarán coa “Gramática elemental do galego común” (Galaxia, 1966), e a súa contribución fundamental ás “Normas ortográficas e morfolóxicas” (Real Academia Galega, 1970). Tras a chegada da democracia, Calero formará parte tamén da comisión para establecer as normas lingüísticas para o uso administrativo do galego, apostando decididamente polo reintegracionismo.


#7 O profesor: a primeira cátedra da lingua
(publicación, domingo 17 de maio)

Despois de licenciarse en Dereito en Compostela no 1931, Calero intentaría opositar a profesor auxiliar de Dereito penal e procesal, pero non acadará a praza. Porén, no 1933 si aprobará as oposicións a funcionario municipal no concello de Ferrol, onde comezará a traballar.

Mentres traballa en Ferrol estuda por libre, tamén en Compostela, a carreira de Filosofía e Letras, rematando en 1936. Entón decidirá opositar a profesor de instituto de Lingua e Literatura Españolas en Madrid, onde o sorprenderá o alzamento nacional, a guerra e a represión que lle impide traballar oficialmente como docente nos anos posteriores. Porén, si consigue traballar na ensinanza privada da man de Fernández López, no colexio Fingoy de Lugo entre os anos 1950 e 1965, oficialmente como “conselleiro delegado”, oficiosamente como director. No 1958 entra a formar parte da Real Academia Galega, cun afamado discurso que resitúa para o futuro a figura capital de Rosalía de Castro.

Ata 1963 non se lle cancelarán os seus antecedentes penais, o que indirectamente supón que xa pode exercer o ensino público. Así, xa no 1965 se incorpora á Universidade de Santiago de Compostela como profesor de Lingua e Literatura Galegas, e entra ao mesmo tempo como profesor de Lingua e Literatura Española no instituto Rosalía de Castro. Será no 1972 cando Carvalho Calero oposita e gaña a merecida praza de catedrático de Lingua e Literatura Galegas, a primeira deste tipo da historia para o seu principal valedor.


>> Visita a web da Biblioteca Municipal do Porriño <<


MÁIS SOBRE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Voces para Ricardo Carvalho Calero
[ + info ]

Vídeo lectura da obra de Carvalho Calero


Xogo de nivel de coñecemento sobre Ricardo Carvalho Calero
[ + info ]

Un xogo a partir de preguntas para que avalíes os teus coñecementos sobre Ricardo Carvalho Calero, o homenaxeado das Letras Galegas deste ano. Canto sabes de Ricardo Carvalho Calero?


Debuxa celebrando o Día das Letras Galegas
[ + info ]

Concurso infantil de debuxos, comparte os teus debuxos e serán agasallados cun lote de libros


Carvalho Calero! Un “escape room” dixital
[ + info » ligazón externa ]

Un xogo de pistas, códigos, investigacións… como unha serie de puzzles con informacións sobre o Día das Letras e sobre Carvalho Calero para ir descubrindo e que van dando contrasinais para ir de pista en pista obtendo información. Elaborado por Patricia Sánchez (A fiestra da mestra)


O misterio da casa de Ricardo Carvalho Calero
[ + info » ligazón externa ]

Un escape room elaborado por Alba Carril Casanova (CPI de Vedra) e Ana Sánchez Sanmartín (CEIP Arquitecto Casas Novas) para aprender sobre o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020 mentres xogamos


Carvalho em pessoa
[ + info » ligazón externa ]

Coa intención de dar a coñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas de 2020, estanse a lanzar na rede unha serie de entrevistas sobre o profesor. Estes 17 vídeos recóllense na serie Carvalho em pessoa, na canle de youtube da Produtora Através


Biblioteca Municipal do PorriñoCabecera-web-ecultura.png