Biblioteatro: “Pequena”, da Cia. Talía Teatro

| Xoves 29 de novembro. 2018
| Ás 18:00 h.
Biblioteca Municipal do Porriño » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo

“Pequena”, da Cia. Talía Teatro

Un espectáculo da Cía. Talía Teatro dirixido ao público infantil, para descubrir o grande que pode ser alguén pequeno e o pequenas que poden chegar a ser as grandes cousas, que case non ocupan espazo. Texto e dirección de Paula Carballeira e interpreta Marta Ríos.

María Catalina Rosario Nadiña Pequena, Macarrona para os seus irmáns, Nadina Pequena para a maior parte da xente, é, coma o seu nome indica, pequena.

Hai pequenas que son xigantes, como Barbadac, a ogresa, filla do ogro que gardaba o tesouro das botas de sete leguas ata a chegada de Polegariño. Barbadac escolleu non gardar tesouros, senón compartilos, como Petipuá, a pulga artista, que quixo levar o seu espectáculo a todas as partes do mundo, incluída a Illa dos Salvaxes, e demostrou que non hai límites nin fronteiras para conseguir o que desexas, nin aínda sendo pequena coma unha pulga. E hai pequenas cunha imaxinación grande, como Nadiña, que é quen nos conta as historias de Barbadac e de Petipuá, quen nolas representa con bailes, con cancións, con alegría e cunha forza enorme. Hai grandes pequenas e grandes pequenos, tan grandes que poden cambiar o mundo ao seu xeito.


Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro.Hoxe, 24 anos despois do seu inicio, tense consolidado como unha das compañías galegas de maior prestixio e repercusión e ten afianzado un proxecto empresarial que xenera cultura e ilusión, ao mesmo tempo que consolida un equipo de traballo estable.

Desde os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia. O traballo da compañía ten sido merecedor de numerosos premios polas súas montaxes: Mellor actriz secundaria. María Casares 2011: Marta Ríos por Volpone; Premio Nordés das Artes; Premio FETEGA 2011 á mellor actriz a María Ordóñez, por Pelos na lingua; Mellor actor protagonista. María Casares 2010: Toño Casais por Palabras encadeadas; Mellor dirección. María Casares 2010: Artur Trillo por Palabras encadeadas; Mellor actor secundario. María Casares 2008: Artur Trillo por E ti, quen ves sendo?; Premio FETEGA 2007 ao Mellor actor a Toño Casais por Esperando a Godot; Mellor actor protagonista. María Casares 2004: Artur Trillo por Bicos con lingua; Mellor Texto orixinal. María Casares 2004: Bicos con lingua.


“Pequena”, da Cia. Talía Teatro


Biblioteca Municipal do PorriñoCabecera-web-ecultura.png