Celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

| 27 e 28 de xuño. 2020
Na rampla que baixa á praza do Cristo » ver mapa

O Porriño Rransverso [s]


Organiza: Concellería de Igualdade e a OMIX do Porriño

Desde a Concellería de Igualdade e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) maniféstanse moi orgullosxs de que o Concello do Porriño se sume á celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+, facendo un Porriño TRANS-VERSO [S], para que a igualdade de dereitos de todas e todos os cidadáns, sexa cal fora súa orientación afectiva e/ou sexual ou identidade de xénero, sexa un compromiso de toda a sociedade.

Esta data nace como homenaxe ás vítimas dos disturbios no bar neoiorquino Stonewall, en 1969, onde tras un duro enfrontamento coa policía, marcouse o inicio do movemento de liberación homosexual. O termo LGBTIQ+ está formado polas siglas das palabras lesbiana, gai, bisexual,  transgénero, transexual, travesti, intersexual e queer. Ao final adóitase engadir o símbolo + para incluír todos os colectivos que non están representados nas siglas anteriores. A comunidade LGTBIQ+ leva ben alta a bandeira coas cores do arco  iris, buscando ampliar ano a ano os dereitos da comunidade e convidando a reflexionar á sociedade sobre a educación na diversidade e a igualdade de dereitos.


PROGRAMA


Previa

Sábado 27 • Ás 12:00 h.• Salón de plenos

Presentación á prensa (sen público pola situación sanitaria) do programa para a celebración do orgullo LGBTIQ+, contando coa presencia da alcaldesa, Eva García de la Torre, a concelleira de Igualdade Cami Moreira Fontán, o muralista DOCTOY David Brey Vázquez e o poeta Samuel Merino Gómez.

Sábado 27 • Na rampla que baixa á praza do Cristo

Inicio do mural conmemorativo da man do artista DOCTOY, nas escaleiras do Parque do Cristo que dan á Avenida de Galicia.

Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

Domingo 28 • Ás 20:00 h. • Na rampla que baixa á praza do Cristo

Finalización do mural e recital de poesía con acompañamento musical:

  • Recitando: Samuel Merino / Silvia Penas / Arancha Nogueira
  • Na parte musical: Sanny Caster / Paraíso Canto (Gabi Reboredo, voz e percusións tradicionais e Martiño Malleiro, acordeón cromático e clarinete).

Intervencións: Dna. Eva García De La Torre e Dna. Cami Moreira Fontán, Alcaldesa do Porriño e Concelleira de Igualdade, respectivamente.


DOCTOY

DOCTOY, David Brey Vázquez

“Os murais son unha expresión da pintura pública que nace dunha corrente moito máis amable e abarca proxectos moi diferentes que conseguen cambiar un ambiente dándolle cor e vida.”

O artista coruñés David Brey Vázquez, é un profesional do mundo da arte urbana mural e as súas obras pódense ver en múltiples fachadas e diferentes lugares de Galicia, así como noutras partes de España, a República Checa, Alemaña, Serbia, Romanía, Chile e Perú, entre outros países.

David Brey estudou Belas Artes en Pontevedra e actualmente reside en Barcelona. Leva dez anos creando murais profesionalmente e considera que é unha forma de arte de rúa que nada ten que ver co que coñecemos como grafiti ou graffiti.


Samuel Merino

Samuel Merino "Pompa&Boato"Pompa&Boato é Samuel Merino (Mos, Pontevedra. 1982) Licenciado en Filosofía,
formouse, fórmase e formarase en Artes Escénicas na Escola de Teatro da Sala Ingrávida (O Porriño), dirixida polos membros da Compañía Teatral Xerpo, da que formou parte entre 2007 e 2011. Agora está inmerso na súa actual faceta de escritor e promocionando o seu poemario “Enésima patada ao amor”, na súa 3ª edición, con varios recitais.

“Cando escribimos un texto que é poético, o é porque, ao escribir, estamos a desvelar algo. Cando o sacamos das sombras para traelo á luz.”


Silvia Penas

Silvia PenasSilvia Penas (Vigo, 1980) é poeta e performer. Conta con varios poemarios publicados e a súa obra ten sido galardoada en diversos certames. A súa traxectoria privilexia as formas poéticas efémeras e de intervención no espazo público, a través da oralidade, a performance e a multidisciplinariedade. Investiga nos modos de dicir o poema, confiando en que ese dicir conteña unha capacidade mobilizadora cara á acción e á reflexión.


Arancha Nogueira

Arancha NogueiraArancha Nogueira, poeta ourensá. Autora de poemarios como “#hashtags para un espazo agónico” e “Dente de leite”, defende a poesía como algo cotián e non elitista (tamén milenial).


Sanny Caster

Sanny Caster

Sanny é o nome artístico polo que se coñece a Sandra Gómez, xove cantautora viguesa que comeza a súa traxectoria en solitario no ano 2012, cando se muda á cidad e de Santiago de Compostela. Previamente participara noutros pequenos proxectos musicais.

Mais é xa nos primeiros anos da súa adolescencia cando Sanny comeza a escribir as súas primeiras letras de cancións e, dende ese momento, convertiranse no eixo central da súa música. As súas principais influencias veñen de artistas do folk e rock norteamericano como Bob Dylan, Joan Báez, ou Bruce Springsteen entre outrxs, dxs que aprende a importancia e responsabiliade de empregar a música como ferramenta social. Na súa música trata con frecuencia temas ligados ó emocional e ó íntimo como forma de explorar os suxeitos das súas cancións, maioritariamente femininos, e as estruturas que rexen as súas vidas.

No verán do 2019 grava o seu EP debut nos Estudios Mans (A Coruña). O resultado será Loners Downtown que sae á luz en novembro dese mesmo ano. O traballo está formado por cinco cancións nas que se explora o tema da soidade desde distintos puntos de vista e nos que se evidencia claramente a influencia do son Americana así como de artistas máis próximos ó indie como Elliot Smith ou Bright Eyes.


Paraíso Canto

Paraíso Canto

Paraíso Canto son Martiño Malleiro (acordeón cromático e clarinete) e Gabi Reboredo (voz e percusións tradicionais), veciños do rural de Pontevedra con diferentes traxectorias musicais.

O seu repertorio está formado principalmente por músicas de tradición oral de Galiza, mais tamén experimentan con músicas doutros lugares do mundo como Brasil, Venezuela ou Os Açores, interpretadas dun xeito moi persoal e con arranxos propios.


Celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+


Patrocinio OMIXCabecera-web-ecultura.png