Charla cunha escritora. Día das escritoras 2017

Comparte Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+Email this to someone
| Luns 16 de outubro. 2017
| Ás 19:00 h.
| Entrada libre ata completar aforo
Biblioteca Municipal » ver mapa

Día das escritoras

O vindeiro 16 de outubro levarase a cabo, por segundo ano consecutivo, o Día das Escritoras. Un acto de homenaxe, promovido pola Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas (CyM), concebido para recordar o legado cultural das escritoras do ámbito hispánico e hispanoamericano e as dificultades que no pasado impediron un xusto desenvolvemento e recoñecemento a súa labor.

A idea é que cada ano xire en torno a un tema que funcione como fio conductor e vertebrador. No 2017, o tema proposto é Mulleres, saber e poder, inspirado no concepto do empoderamento feminino, “empoderamento é un termo de recente acuñación que define o proceso seguido para aumentar a fortaleza de individuos e comunidades en relación a súa situación de pobreza ou marxinación de todo tipo, que implica desenvolver unha nova confianza sobre súas propias capacidades e accións, e que impactou profundamente no feminismo contemporáneo, pois puxo en evidencia que o sistema patriarcal polo que nos rexemos ata agora está vinculado a un conxunto de saberes e a unhas verdades que deben redefinirse”, segundo Anna Caballé, (Universidade de Barcelona) que comisariará o acto que levarase a cabo na Biblioteca Nacional.

PARTICIPAN:

Fran Alonso. Subdirector Xeral de Edicións Xerais de Galicia
Ledicia Costas. Escritora
María Reimóndez. Escritora


Fran Alonso

Francisco Alonso Villaverde (Vigo, 1963), licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, está profesionalmente vinculado ao periodismo e á edición. Redactor na tan interesante como frustrada experiencia do Diario 16 de Galicia, a súa vontade de ser testemuña da realidade, presente tamén na súa creación literaria e na paixón viaxeira, maniféstase en colaboracións en diferentes medios (o semanario A Nosa Terra, o periódico La Voz de Galicia, a revista Tempos ou as páxinas de cultura da edición galega de El País). Dende 1992 traballa en Edicións Xerais de Galicia, dirixindo na actualidade varias coleccións en calidade de Subdirector para a Edición Xeral.

Autor dunha importante e recoñecida obra narrativa e poética para adultos e merecedor de galardóns como o Premio Blanco Amor de Novela Longa, cre que a literatura axuda a comprender mellor o mundo no que vivimos. Fillo inexcusable deste tempo, confesa que lle gusta escribir mais co corazón que coa cabeza e reivindica a capacidade subversiva de toda literatura como posibilidade de lanzar unha mirada interpretativa e crítica sobre a realidade personal e colectiva.

A súa vocación solidaria levouno a intervir en diferentes colectivos (foi Vicepresidente da Asociación Galega de Editores, formou parte da directiva do Pen Club de Galicia, colaborou con diversos proxectos da Asociación Galega de Axuda ao Sáhara, Acción contra a Fame, Educadores pola Paz, Implicadas/os no Desenvolvemento, Amnistía Internacional, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, etc., é membro fundador do Observatorio Galego para o Sáhara Occidental). Ademais foi secretario da asociación para o fomento e a animación á lectura en língua galega Espazo Lectura.

A súa obra poética e narrativa dirixida ao lectorado mais mozo destaca pola vontade comunicativa sen descuidar nunca o exquisito traballo formal.


Ledicia Costas

Ledicia Costas é unha escritora galega licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo. Empezou a escribir desde moi nova, sendo unha autora versátil que transita os máis diversos temas, estilos e xéneros. A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais 2000), libro que escribiu cando era unha adolescente e que actualmente vai pola 17ª edición.

Mentres cursaba os seus estudos de Dereito gañou diversos premios literarios convocados pola universidade, tanto de relato como de poesía.

Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015. Ademais, Escarlatina entrou a formar parte da prestixiosa Lista de Honra do Ibby no Congreso Internacional celebrado en Auckland, Nova Zelanda, no 2016.

Traducida a varias linguas, Escarlatina, a cociñeira defunta tivo unha gran acollida polo público infantil, vendendo 20.000 exemplares en Galicia desde a súa publicación. Foi cualificada coma unha obra “extraordinara, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e con grande habilidade para desmitificar o tema da morte”.

Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015 e o Premio Fervenzas Literarias á mellor obra de literatura xuvenil do ano 2016.

O seu libro de relatos sobre a II Guerra Mundial Un animal chamado néboa, recibiu por unanimidade o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2016. O xurado destacou que o conxunto de relatos que configuran esta obra «conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un hábil manexo de innumerables fontes documentais», incidindo no feito de que a autora «ofrécenos unha crónica do mellor e do peor da condición humana».


María Reimóndez

María Reimóndez naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. Como escritora o seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Ed. Positivas, 2002). No 2013 regresou á poesía coa publicación de tres poemarios: Presente continuo (Xerais, 2013), Moda Galega Reloaded (Ed. Positivas, 2013) e kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio, 2013). No ano 2017 recibiu o Premio Johán Carballeira de poesía por Galicia en bus (Xerais 2018). En 2017 unha selección de Presente continuo foi traducida ao támil co título Kallin Kadungkopam pola poeta Thamizachi Tangapadian.

Como narradora, no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Ed. Positivas, 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Xerais con O club da calceta (Xerais, 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano por Attilio Casteluci e o castelán por María José Vázquez Paz, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. A partir de aí publicou as novelas Pirata (Xerais, 2009) e En vías de extinción (Xerais, 2012), traducidas ao italiano por Attilio Casteluci e ao castelán pola autora respectivamente. Esta última dá inicio ao Ciclo dos elementos , unha serie de novelas independentes pero interconectadas, á que tamén pertencen A música dos seres vivos (Xerais 2015) e o Premio Xerais 2014 Dende o conflito (Xerais 2014), ademais de As cousas que non queremos oír (Xerais 2017). No 2014 gañou XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz con A dúbida (Xerais 2016) que será publicado en castelán por Flores Raras en 2017, en tradución da autora.

Tamén ten publicados numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil. No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Xerais, 2006), personaxe ao que retornou con Volvo! O regreso de Usha (Xerais, 2014). Ademais, publicou seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest, Lía e as zapatillas de deporte (Xerais, 2008) -Premio Frei Martín Sarmiento 2010- e O Monstro das palabras (Xerais, 2009). En 2017 publica Corredora (Xerais 2017), dirixida ao público xuvenil.

Reimóndez tamén escribe ensaio: no 2013 veu a luz o seu primeiro volume como ensaísta en colaboración con Olga Castro no libro Feminismos, que fai un percorrido ameno e divulgativo sobre os feminismos no mundo. En solitario publicou novamente en 2014 A alternativa está aquí (Xerais, 2014). En 2017 recibiu o I Premio Xohana Torres de Investigación pola obra Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure, que foi publicada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela en 2017.

Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños (Galaxia, 2007) de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego. En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.


logo-biblioteca-web-eculturaCabecera-web-ecultura.png