Concerto: Cantareiras Fonteliño

| Sábado 22 de agosto. 2020
| Ás 21:30 h.
Centro Recreativo Cultural Mosteiro de Budiño » ver mapa

Fontelino - Rueiras


A Concellería de Cultura, sendo coñecedora de que a situación da pandemia da Covid-19, fixo que moitas das actividades culturais das parroquias e barrios fosen canceladas, e mantendo contacto coas asociacións da veciñanza, faise unha proposta programática, coas garantías de seguridade sanitaria, favorecendo a dinamización cultural á vez que se potencian os recursos dos artistas locais.


Cantareiras Fonteliño

Cantareiras Fonteliño naceu a final do ano 2002, logo dun curso de pandeiretas celebrado no Círculo Recreativo Cultural do Porriño e impartido por Ana Senlle. Inicialmente o grupo formouse con dez compoñentes que en pouco tempo chegaron a trece.

No ano 2006 fundaron a Asociación Grupo Fonteliño, coa idea de promover a música tradicional galega a través das voces e de todo tipo de percusións. Comezaron tamén a participar en seráns e en festas populares da contorna.

As primeiras actuacións foron no Círculo Recreativo Cultural e en varios centros culturais parroquiais do Porriño, no Centro Cultural de Cedeira, en Redondela, e no Asilo de Tui.

No mes de xullo de 2010 gravaron o seu primeiro CD, no salón do Café Liceum, que se presentou no Nadal dese mesmo ano. Tamén nese mes foron presentalo á Radio Galega e ao programa “A Solaina”, da TVG.

En xaneiro de 2011 actuaron no programa Luar da TVG, e en outubro dese ano gravaron o programa ALALÁ polo paseo do río Louro no Porriño, e na Casa Lago de Pereiras, Mos.

Ademais actuaron tamén no Gran Hotel Mondariz, na sala Liberty de Ponteareas, e en varios centros culturais e asociacións de concellos do Baixo Miño e o Val Miñor.

Na actualidade está integrado por oito compoñentes (Paz, Mari Carmen, Mª Luisa, Eva, Paca, Chola, Lores e Adela), dirixidas por Ana Senlle, e coa colaboración especial do acordeonista Fernando Pernas.



Cantareiras Fonteliño


Cabecera-web-ecultura.png