Concerto do cantautor Urbano Cabrera

| 19 de maio. 2017
| Ás 20:30 h.
Praza de Antonio Palacios » ver mapa

Urbano Cabrera cantautor

Urbano Cabrera é un cantautor galego de amplia traxectoria no mundo da música, comprometido coa potenciación do idioma galego no eido da música, en toda clase de estilos, dende o folk ata o blues. Debido ó seu carácter aberto, experimentou con diversos sons, coma o blues, o reggae , a bossanova, o jazz, o country, a música africana, o swing ou o folk máis tradicional, tal e como queda reflectido na súa discografía.

As súas coidadas letras son unha mestura de temáticas sociais e reivindicativas que falan de loita, de rebeldía, de solidariedade, de amor e de desamor e das relacións entre seres humanos. A súa música é fonda, acústica, que convida a pechar os ollos e soñar.

1.970 é o ano de arranque de Urbano Cabrera. Nese ano participa no mítico festival da Virxe da Rocha en Baiona xunto con membros de Voces Ceibes e con varios milleiros de asistentes, ca súa canción Martin Luther King. Tamén nese ano funda o grupo Balcagia, e compón o tema Xa van os homes pra o campo, tema que gañaría, en 1973, o primeiro premio do primeiro Festival de Música de Galicia, celebrado na cidade de Vigo.

En 1.972, Urbano Cabrera trasládase a Londres, e, durante un ano, toca en pubs e restaurantes. Nese período amplía os seus horizontes musicais baixo a influencia de músicos como Bob Dylan e Cat Stevens. No ano 1.974, grava en Madrid co fundador de Los Brincos, Fernando Arbex, o tema A San Francisco, e dase de alta como socio da S.G.A.E. De regreso a Galicia, percorre o país dando concertos nun ambiente social e cultural moi politizado.

De 1.980 a 1.982, forma parte do grupo de folk Mareira. A finais dos 80, retoma os concertos en solitario coma cantautor.

Inimigo declarado da industria discográfica, grava o seu disco Tarantela, en 1996, ó que seguirán Segundo Andar no 2000 e Penalba en 2004.

Autor de máis de 500 cancións que poñen de manifesto unha grande riqueza temática que fuxe da mensaxe fácil ou da palabra rebuscada, o importante nos seus temas é a comunicación e o facer sentir e pensar. Amante da boa música e da poesía intelixente, social e de sentimento, Urbano Cabrera é gran admirador de músicos coma Bob Dylan, Leonard Cohen, Tom Waits, Neil Young, Jose Afonso ou Silvio Rodriguez, e de poetas coma Celso Emilio Ferreiro ou Miguel Hernández.

Máis info sobre a compañía Urbano Cabrera na súa páxina de Facebook » ligazón externa

Cantautor Urbano Cabrera


Cabecera-web-ecultura.png