Convocatorias

Convocatorias


PONTEGAL 2017

PONTEGAL 2017 ESTABLECE DÚAS CATEGORÍAS ESPECÍFICAS PARA AS COMPAÑÍAS PROFESIONAIS DE TEATRO

Entre o 3 de xaneiro e o 1 de febreiro poderán presentar as solicitudes segundo o modelo que se facilita na páxina web da Deputación

A través do Pontegal 2016 a Deputación apoiou un total de 2.595 actuacións solicitadas tanto por concellos como por entidades asociativas

Ata o vindeiro 1 de febreiro permanecerá o prazo aberto para que os grupos e artistas poidan solicitar a súa inclusión no Pontegal 2017. As bases de dito programa saen publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e inclúen o formulario de solicitude que debe presentarse debidamente cumprimentado e coa documentación anexa pertinente en cada caso.

A principal novidade na convocatoria deste ano atópase no apartado de Teatro, no que se establecen dúas categorías para compañías profesionais e unha para compañías non profesionais. Tamén nesta convocatoria se inclúe unha categoría para ‘bandas de jazz’ e outra para ‘conferenciantes’, na que poderán inscribirse persoas con titulación media e superior e que acrediten publicacións sobre as temáticas nas que se inscriban.

“Coa inclusión de novas categorías específicas queremos abrir un camiño cara a dignificación do teatro profesional, e avanzar cara a consolidación dun circuíto estable para esta disciplina” asegurou o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Neste sentido, hai que destacar que as categorías relativas a Teatro profesional son as que máis contía económica contemplan nesta edición do programa. Na categoría Teatro (Grupo A) a Deputación asumirá 800 euros, mentres que na categoría (Grupo B) a Deputación asumirá 500 euros. As propostas das compañías serán valoradas segundo os parámetros que se establecen nas bases, e en función da puntuación acadada serán incluídas no Grupo A ou B segundo corresponda.

A táboa da edición 2017, ademais de incluír as novas categorías mencionadas, tamén establece incrementos nas contías que asume a Deputación nas categorías relativas a ‘audiovisuais’, ‘bandas de gaitas’, ‘grupos de folk’, ‘orquestras clásicas’, e ‘pop-rock’. Dita táboa recolle o importe correspondente a cada tipo de grupo, establecendo un total de 35 clasificacións. Así, para as bandas de música establécese un baremo máximo de 600 euros e mínimo de 450, segundo a clasificación de cada unha -número de membros e escola de música-. Para as masas corais contémplanse importes de 270 e 240 euros segundo a clasificación; para os grupos folclóricos o abano vai entre os 270 e os 200 euros; e para animación infantil, cantautores/as, poetas, e humoristas establece un importe de 210 euros.

Os importes recollidos nesta táboa correspóndense á cantidade que abonará a Deputación por cada actuación, polo que o resto do importe do caché debe ser asumida pola entidade que contrata dita actuación -concellos ou asociacións sen ánimo de lucro-.

Dinamización do galego

Todos o grupos, compañías e artistas cuxas inscricións sexan aceptadas neste programa deben realizar as súas actuacións, conferencias e/ou audiovisuais obrigatoriamente en lingua galega. Esíxeselle ademais que presenten xunto coa documentación unha declaración asinada na que se comprometen a empregar a lingua galega e unha linguaxe non sexista no desenvolvemento das súas actuacións. Esta obriga tamén debe ser atendida polos concellos e asociacións que soliciten as actuacións, conferencias e audiovisuais, que deben facer toda a cartelería, promoción, e difusión en idioma galego. “Queremos continuar coa política iniciada o pasado ano de apostar pola cultura feita en galego, así como pola promoción e difusión no noso idioma” sinala Xosé Leal. Asegura ademais que “o Pontegal é un programa con grande demanda, que queremos que se siga consolidando tanto para dar cabida ás expresións artísticas da nosa provincia como para atender as demandas de concellos e asociacións, polo que a aposta polo idioma debe ser fundamental”.

O uso do galego é un dos criterios básicos incluídos na adxudicación das actuacións, e que xa fora contemplado na pasada edición, atendendo a un dos acordos recollidos no pacto de goberno da institución provincial, que se fundamenta na promoción e defensa do uso do idioma tanto na propia institución como entre a cidadanía. Así, tanto artistas como concellos e asociacións están obrigados e obrigadas a realizar a publicidade en lingua galega, empregar unha linguaxe non sexista e introducir o logo do Pontegal de xeito visible. O non cumprimento destes requisitos é motivo de exclusión das axudas deste programa.

Pontegal 2016

Pontegal é o programa mediante o cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos, compañías e artistas inscritos en dito programa. Na pasada edición, o Pontegal fora dotado cunha partida de 700.000 euros que debido á alta demanda de actuacións foi incrementada ao longo do ano, polo que na edición de 2017 a partida de inicio xa ascende a 800.000 euros.

No pasado exercicio o número de artistas, grupos e compañías inscritos ascendera a 1.346, unha cifra que segundo indica Xosé Leal “esperamos que se incremente neste ano, porque o que pretendemos e dar cabida a todos e todas as profesionais da provincia, para que teñan a opción de participar do apoio da Deputación”. En canto ao número de actuacións concedidas no 2016, ascenderon a 2.596 sendo as máis solicitadas as correspondentes a bandas de música, animación infantil e proxección de audiovisuais.

Pontevedra, 2 de xaneiro de 2017


Ir ao enlace coa información do Pontegal no BOPPO » ligazón externa


cropped-CABECERA-WEB-ECULTURA.png