Exposición de pintura: “O mundo máxico de Antón”

| Xoves 2 de agosto. 2018
| Ás 20:00 h.
Centro Cultural Municipal do Porriño » ver mapa
| Entrada libre ata completar aforo
| A exposición permanecerá aberta ata o venres 31 de agosto

Exposición de pintura: “O mundo máxico de Antón”

“O meu nome é Anton e teño 11 anos. Estudo sexto de primaria no CEIP de Portosín e teño TEA. Mais iso non é o que me define. Son un neno feliz, cariñoso, gústame xogar, correr, estudar, nadar, ir á praia, ao parque, ao monte, pero sobre todo gústame debuxar. E o que máis me gusta no mundo é debuxar animais.

O debuxo axúdame moito a expresarme mellor (debuxo unha historia, contoa, ordeoa no tempo e no espazo….), pero tamén me axuda a relaxarme e a disfrutar.

Non lembro cando empecei porque na miña casa sempre recordo papel e cores que eu emprego para comunicarme, para contar o que quero, o que me gusta, o que quero que vexan os demáis.

Esta é a primeira vez que moitos de vós ides ver os meus debuxos. Miradeos con ollos de neno, cos meus ollos, pero entendede que a personalidade que reflicten é propia, non copio, non imito, eu creo, eu invento e doto de personalidade a cada un deles.

Moitas grazas a todos por acompañarme. Espero que disfrutedes tanto como o fixen eu en cada unha das miñas pequenas obras.”

Antón Romero Piñeiro


“Dotar de personalidade e deixar pegada propia nas súas obras é a meta de todo gran artista. Empresa farto dificil pois estamos rodeados de estereotipos que, ademais de inspirar, condicionan á repetición dos mesmos modelos, xa sexan debuxos xaponeses, manga ou Disney.

A illa privada onde habitan seres coma Antón, non está contaminada polas obras doutros, por iso a súa arte é auténtica e persoal. O noso pequeno artista ten un molde propio onde plasma aos habitantes do seu mundo particular.

Parafraseando a Disney, quero recoller estes consellos que tanto proveito lle fixeron a un estraño elefante: “Aférrate a iso que che fai diferente… esas cousas que che fixeron estar abaixo son as que che levarán para riba”.

Eu, pola miña banda, quédome con estoutro: “Se segues as pisadas dun extraño, verás cousas que xamais soñaches ver” (Pocahontas).”

Malena Sánchez. Profesora de debuxo e pintura Xdestudio (Noia)


Exposicion-O-mundo-maxico-de-Anton


Cabecera-web-ecultura.png