Exposición: “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”. Conferencia: “A Represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36”

Comparte Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+Email this to someone
| Conferencia: xoves 14 de xuño. 2018
| Ás 19:00 h.
| Exposición: do 14 ao 29 de xuño. 2018
| Entrada libre e de balde ata compretar aforo
Centro Cultural Municipal do Porriño » ver mapa

Exposición: “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”


A Deputación de Pontevedra reivindicará a memoria das vítimas do alzamento de 1936 coa exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista’: unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.


78 imaxes de mulleres

A comisaria da exposición, Montse Fajardo, explica que a exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. “Somos conscientes de que moitas non aparecen, moitas quedaron no camiño, pero esta é unha homenaxe a todas as mulleres que sufriron a ditadura”, sinalou.

A mostra está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tratadas “como menores de idade ou sempre dependentes de varón”.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademáis foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a comisaria explica que a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria. “O seu legado é a nosa mellor herdanza. Temos que agradecer aos familiares que comparten con nós as súas historias para que non deamos a esquecemento. Grazas por dicir sempre que si á memoria”, finaliza Fajardo.


Conferencia: “A Represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36”


Conferencia: “A Represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36”

Montse Fajardo falaranos sobre As que quedaron: as mulleres tras o golpe de Estado do 36.

A conferencia aborda a represión vivida en Galiza tras o golpe de Estado do 36 e nomeadamente, a sufrida polas mulleres nunha zona na que, é fundamental lembrar, non houbo “guerra” senón un brutal xenocidio sobre o bando perdedor: As persoas que morreron a consecuencia do golpe de Estado do 36 na Galiza non o fixeron nun campo de batalla, foron asasinadas.

O esquecemento sobre esas vítimas e as súas familias foi como a última morte dos derrotados, a última inxustiza á que non puxo fin corenta anos de democracia. Elas ficaron en silencio mentres o novo réxime democrático mantiña as mentiras elaboradas polo franquismo: As hemorraxias internas nas actas de defunción das persoas fusiladas, as teorías negacionistas que equiparaban ambos bandos, as placas honrando aos verdugos nas rúas mentres as vítimas permanecían silenciadas.

No caso das mulleres, o silencio foi aínda máis fondo. Incluso cando se traballa na memoria, se lle soe dar prioridade aos homes, porque foron máis no paredón, na cuneta ou no presidio. Sen embargo, as mulleres galegas non só se viron afectadas polos mesmos tipos de represión ca eles -foron asasinadas, encarceradas, depuradas ou sufriron o exilio- senón que, ademais, o fascismo ideou para elas castigos de índole especialmente machista como a rapa, a inxestión de aceite de rícino, a tatuaxe, ou a violación.

Elas foron ademais utilizadas polos fascistas como método de presión sobre os homes: encarcerábanas e vexábanas para obrigalas a delatar ao fuxido da familia ou para que, ao sabelo, el mesmo se entregara. Non só perseguían ás mulleres con actividade sindical ou política, o simple feito de ter parentesco cun home sinalado colocábaas tamén no punto de mira dos agresores.

A conferencia repasa as distintas tipoloxías de represión contra as mulleres, con exemplos e fotografías dalgunhas das galegas que a sufriron, e defende a necesidade de ampliar o termo vítimas, “ás que quedaron”: nais, orfas, viúvas, mulleres que ademais de ficar sen o ser querido perderon tamén o principal sustento do fogar. Falamos de como saíron adiante e de cales foron os seus xeitos resistentes de lembrar, nun tempo sen dereito a dó. De como se mantivo viva a memoria do que pasou no tempo do silencio e de como chega hoxe ata nós.

Por último, abordamos as consecuencias que para todo o sexo feminino tivo o golpe de Estado. Todas as mulleres foron vítimas, todas seguimos sendo vítimas dun momento histórico no que as liberdades que se empezaban a albiscar desapareceron baixo o abafante manto gris do fascismo, que relegou á muller ao papel de esposa e nai. O franquismo, a igrexa, a sección feminina buscaron implantar durante décadas unha moralidade sexista contra a que aínda teñen que loitar as xeracións actuais.


Patrocinio Deputación 2018Cabecera-web-ecultura.png