Festa Pre Fin de Ano. Amenizan: Broken Peach e sesión DJ A Duendeneta

| Domingo 30 de decembro. 2018
| Ás 23:00 h.
Carpa do Roxy » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo

Festa Pre Fin de Ano. Concello do Porriño

Un ano máis, O Porriño despedirá o ano por adiantado, unha cita xa convertida en tradición na Louriña. O ano pasado o ritmo ochentero encheu de música e cor a Praza Arquitecto Antonio Palacios ante centos de persoas que apostaban por adiantarse a despedir o ano, este 2018 a cita estará amenizada pola incrible posta en escena de Broken Peach.

O grupo vigués, que logrou consolidarse como unha das grandes bandas que versionan temas míticos da música acompañados dun traballado vestiario, visitará O Porriño para facer vibrar aos presentes.

A cita arrincará o domingo, 30 de decembro, ao redor das 23:00 h., con Broken Peach na Carpa do Roxy para trasladarse a medianoite á Praza Arquitecto Antonio Palacios para iniciar a conta atrás, con 24 horas de antelación. Os asistentes non deberán ter medo a empacharse coas uvas, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, no Porriño o ano despídese por adiantado non con uvas, senón con Lacasitos, que serán entregados de balde.

Unha vez cumprido o ritual, a cita continuará de novo na Carpa do Roxy, cun segundo pase de Broken Peach seguido dunha sesión de DJ a cargo da Duendeneta, que levará a festa ata entrada a madrugada.


Broken Peach

Broken Peach é o perfecto matrimonio entre The Supremes e The Who, é dicir, un grupo vocal feminino acompañado dunha sólida banda de rock.

Podería dicirse que son unha banda, podería dicirse que son un coro, ou podería dicirse que son un espectáculo para nenos e adultos… e a verdade, podería dicirse que son un pouco de todo. Crearon unha nova forma de fusionar a música co espectáculo tentando desmarcarse das típicas bandas de versións, dándolle un toque persoal a cada un dos temas que interpretan. A súa formación habitual é de 3 a 5 voces, batería, baixo, guitarra e piano.

Unha das súas mellores bazas é ter unha estética tan elegante como extravagante que sitúan ao espectador en diferentes épocas e ambientes.

O seu eclecticismo músical viaxa desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, funk, pop, etc.


A Duendeneta

La Duendeneta

A Duendeneta converteuse en Galicia en sinónimo de festa. Dunha festa alternativa, desenfadada e orixinal que fuxe dos parámetros e dos repertorios habituais das discotecas móbiles e da verbena para centrarse noutro tipo de sons.

As súas sesións abarcan un abano que vai dende o indie á música disco, dende o rock á electrónica, dende o pop español dos 80 ao hip hop actual. E sempre cun ollo posto no retrovisor, neses clásicos do rock, do pop e do dance que nunca pasan de moda. En definitiva, unha escolma de grandes hits, ben coñecidos polo público, que propician sesións arrebatadoras nas que é imposible manter os pes quietos.

Eses sinais de identidade levou á Duendeneta a estar presente este ano en festivais como o Portamérica, Caudal Fest, Revenidas, Surfing the Lérez, Rockin’ Vila ou Ameixa Rock. E en grandes festas como a do Albariño de Cambados, San Froilán en Lugo, a Festa da Auga de Vilagarcía, a do Marisco do Grove, ou as festas patronais de Ribadavia, Becerreá… entre moitas outras.


Cabecera-web-ecultura.png