Festival Sons da Canteira

| Sábado 29 de agosto. 2020
| Apertura de portas ás 18:00 h.
Canteira de Vilafría » ver mapa

Sons da Canteira


A modernidade da música galega entra nunha canteira en restauración no Porriño

Sons da Canteira é un festival de música galega organizado polo Concello do Porriño que se celebra o 29 de agosto na canteira en proceso de restauración de Vilafría. Arrinca a súa primeira edición cun cartaz de catro artistas galegos da música e da videocreación nunha contorna de grande valor, coa motivación da recuperación do territorio.

Actúan Baiuca, Mercedes Peón, Laura Lamontagne & PicoAmperio e, abrindo o concerto, DJ/VJ Juanma Lodo. Todos eles proxectos moi persoais que achegan dalgún xeito a tradición galega á vangarda e á electrónica. A muralla de pedra serve de singular escenario e sobre ela empregarase videomapping para que os grupos emitan as súas proxeccións.

O Sons da Canteira establece estrictos protocolos de distanciamento social e de seguridade para un aforo de 500 persoas. Os asistentes poden xantar mentres gozan do espectáculo facendo o pedido por aplicación móvil ás dúas food trucks presentes no evento, que servirán nas cadeiras, cara evitar aglomeracións. O festival conta con personal adicado en exclusiva á limpieza e á xestión de residuos.


Baiuca

Baiuca

| Ás 23:15 h.

Folk electrónico e material audiovisual. Cunchas, flautas ou gaitas mestúranse con programacións, sintetizadores e voces tradicionais, cun abano de resultados, de territorios inesperados que entran no pop ou no industrial, abertos á exploración sonora.

Baiuca transformouse nun dos referentes internacionais da música galega no 2019, mais detrás hai unha longa traxectoria, o proxecto previo do músico Alex Casanova (nacido en A Baiuca, Catoira) e o seu elegante pop electrónico.

O concerto de Baiuca é o encargado de pechar o festival Sons da Canteira. Acompáñase dun potente material audiovisual, músicos e voces nun repaso pola súa discografía entre Solpor (Raso, 2018), Misturas (Raso, 2019) e outros traballos de renovación da música tradicional galega.


Mercedes Peón

Mercedes Peón

| Ás 21:30 h.

Pola súa traxectoria é a máis internacional e vangardista de todas as músicas galegas. Estivo presente en Estados Unidos, Chipre, Dinamarca, Nova Zelanda, Australia e en case toda Europa.

Leva anos a renovar a música tradicional galega, enchéndoa de matices. Comezou cun profundo estudo de campo da tradición oral nas aldeas e na súa discografía presenta sons recollidos das súas investigacións. Fixo divulgación de todo o folklore vivo de Galicia a través do programa Luar, da Televisión de Galicia. Traballou na docencia, formou parte do grupo folk Xacarandaina, colaborou con Budiño, Os diplomáticos de Monte-Alto, Kepa Junkera, Carlos Núñez ou Mano Negra.

A súa carreira en solitario comeza con Isué (Resistencia, 2000), despois Ajrú (Discmedi, 2003) ou Sós (Do Fol, 2010). En Déixaas (Altafonte, 2018) a música métese no sociopolítico, tira de sons do asteleiro de Navantia- Ferrol e crea un son rompedor.


Laura LaMontagne y Pico Amperio

Laura LaMontagne y Pico Amperio

| Ás 20:00 h.

Unha das grandes promesas do panorama musical galego é o dúo que fusiona o universo poético e folk de Laura LaMontagne e a experiencia hip-hop de PicoAmperio.

Xuntáronse en xuño do 2019 e en menos dun ano deixaron pouso nos ciclos Mubea da Alhambra, Magia Roja ou BAM de Barcelona, San Froilán de Lugo ou Sinsal de San Simón. Tamén acadaron o primeiro posto nas listas demoscópicas de Mondosonoro do mellor do ano 2019.

O dúo aborda campos musicais que oscilan entre a tradición galego-portuguesa, ritmos electrónicos, hip hop e ambientes íntimos provocados pola evolución de superficies de loops musicais. Poesía propia e adaptación de clásicos como Rosalía, Pessoa, Lorca ou Martín Codax.


DJ/VJ Juanma Lodo

DJ/VJ Juanma Lodo

| Ás 18:30 h.

Artista multimedia, deseñador, produtor, realizador e músico experimental, colaborou co colectivo Proxecto-Ds, fixo fotografía e edición no Dot Galicia Magazine ou en Prendas Públicas, dirixiu documentais e creou pezas de arte audiovisual para teatro ou museos. Destaca na experimentación sonora e visual con todo tipo de instrumentos e aparellos electrónicos. Abre os concertos do Sons da Canteira.


Zona gastro nun enclave singular

A Canteira de Vilafría está a rematar o seu proceso de restauración. O óco creado pola explotación eliminouse mediante un recheo para facilitar a cobertura vexetal e a reforestación da zona. Nesa contorna singular do festival poderase degustar durante o espectáculo un xantar elaborado nas food trucks:

  • A Pavoneta, especializada en comida sen glute (certificados por Acepa), pavo e opcións veganas..
  • A Mariniere, auténticas crêpes da Bretaña francesa nunha food truck que percorre Galicia. Salgadas, doces e opcións veganas.

Todo está preparado para afrontar a situación xerada pola COVID-19, cun servizo sen barras onde o espectador pide a consumición cunha app e a recibe na butaca. Potenciarase, ademais, o uso de envases recliclados.


+ Info de interese

Prezo da entrada: 16,50 €, con descontos para grupos [ Entradas esgotadas ]

Coa entrada vai incluído o traxecto en autobús desde a Avenida de Galicia » ver mapa (O Porriño). Se xa tes a túa entrada para o Sons da Canteira, nos próximos días recibirás un correo con información útil. Entre outras cousas, co horario e co número do autobús gratuíto que che levará ao festival desde O Porriño.

Máis info sobre Sons da Canteira no seu perfil de Facebook » ligazón externa

Sons da Canteira aparcadoiro

Consellos para o público. Festival Sons da Canteira


Sons da Canteira. Entradas esgotadas


Patrocinio OMIXCabecera-web-ecultura.png