Xornadas de Arquitectura. Praza de Abastos, Proxecto dun Espazo Público

Cartel Xornadas de Arquitectura do Porriño

Ver programación das Xornadas de Arquitectura do Porriño por días:

[XOVES 2]     [VENRES 3]


DÍA 2 DE XUÑO. 2016
Conferencia: Vida, Sitio e Técnica na Praza de Abastos do Porriño
Relator: Jaime Blanco
Hora: 20.00 H.
Lugar: Praza de Abastos Municipal


DÍA 3 DE XUÑO. 2016
Conferencia: Praza de Abastos, proxecto dun espazo público
Relator: Irisarri + Piñera
Hora: 20.00 H.
Lugar: Praza de Abastos Municipal


Xosé Bar Bóo

Biografía de Xosé Bar Bóo, arquitecto da Praza de Abastos Municipal do Porriño

Xosé Bar Bóo (1922-94) obtivo o Título de Arquitecto (1957) e o de Doutor (1964) pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. Foi fundador do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (1973) do que sería decano (1977-79) e vicepresidente do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (1976-1977). Exerceu o seu labor docente como profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña desde 1985. Participou activamente noutros ámbitos como a ecoloxía ou a socioloxía, desde os que reivindicou a identidade territorial, cultural e social do pobo galego, destacando as fundacións da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) en 1974 (presidente 1979-80), do Museo do Pobo Galego en 1976 (patrón 1976-94) e do Círculo de Información e Estudos Sociais (CIES) en 1977 (presidente 1977-94). Tamén pertenceu ao Seminario de Estudos Galegos (1982-94).

A súa obra, desenvolvida practicamente na súa totalidade en Galicia, principalmente en Vigo, a súa cidade natal, abarca todo tipo de escalas desde o plan urbano ata o deseño de mobiliario e ocupa un lugar protagonista na arquitectura española da segunda metade do século XX. Comeza a súa actividade profesional co edificio Bar Bóo (1957), unha obra de sorprendente madurez coa que se sitúa á vangarda da recuperación da arquitectura moderna en Galicia e que foi catalogada polo primeiro Rexistro DOCOMOMO ibérico. Tras un certo purismo inicial, coincide con destacados arquitectos da súa xeración ao cuestionar a ortodoxia moderna para adaptala ás particularidades do territorio. As acusadas características do medio galego, a súa topografía, climatoloxía, substrato antropolóxico, etc., son determinantes na obra de Xosé Bar. Entre os edificios de uso público destacan o Sanatorio Neuropsiquiátrico “El Pinar” (1965), o Policlínico “CIES” (1967), a Igrexa Parroquial da nosa Señora das Neves (1968) ou os Xulgados da Coruña (1985); e no ámbito residencial, o mencionado edificio Bar Bóo, a Casa Ibáñez Aldecoa (1963), os Bloques de Vivendas para Militares (1965) e a Casa Horyaans (1972) entre outras.

A racionalidade que opera na súa actividade proxectual, a procura persoal sen apriorismos, a total liberación de prexuízos formais e o intenso e contrastado achegamento á definición e resolución do problema arquitectónico, afástano de calquera convencionalismo estilístico. O vocabulario formal non é causa senón efecto, síntese da resolución dos máis variados problemas que interactúan nun proceso obxectivo no que Xosé Bar pon a proba a súa intuición, en busca dun resultado ético e estético coincidentes. O seu compromiso ético, os coñecementos do medio galego e a visión moderna que sobre este proxecta, así como as súas achegas construtivas que conxugan técnicas innovadoras e tradición, ofrecen unha obra xenuína á vez que exemplar.

Jaime Blanco Granado, Dr. Arquitecto


Organiza: Concello do Porriño


Ver día:  xoves 2 »   venres 3 »


[ SUBIR ]


cropped-CABECERA-WEB-ECULTURA.png