Pregón inaugural da Feira do Libro de Galicia, da escritora Yolanda Castaño

| Xoves, 12 de maio. 2016
| Ás 19:30 h. Inauguración oficial da Feira do Libro de Galicia
Praza Arq. Antonio Palacios » ver mapa

Yolanda Castaño

Pregón de Yolanda Castaño na inauguración da primeira Feira do Libro de Galicia no Porriño:

“Autoridades, queridos amigos e amigas, visitantes, veciños e veciñas do Porriño:

Hoxe, esta tarde, cumpro unha honra que non me parece menor: concédeseme o agasallo de inaugurar a primeira Feira do Libro que se celebra na marabillosa vila do Porriño, o orgullo de botar a andar un ciclo libresco que cada ano traerá historias vibrantes, versos memorables, crónicas, reflexións escritas, contos, epopeas, intrigantes narracións. Porriño desprega unha alfombra de benvida a todas esas evocadoras correntes de letras e, nós, encetamos ese camiño moi ilusionadas.

Vieiros, alfombras despregadas….E é que Porriño é e sempre foi precisamente iso: un cruce de camiños. Un nó onde converxen dende o antigo eterno fluxo de peregrinacións a Santiago chegado dende o sur, ata as correntes industriais que hoxe fan del un eixo da producción máis avanzada. Unha intersección entre grandes centros urbanos do sur de Galicia e o norte de Portugal, entre a forza do interior e o aire fresco da costa, entre a fronteira setentrional e todo o resto do país galego, entre o sereno alicerce do mundo rural e o balbordo da cidade.

É hoxe Porriño unha inspiradora encrucillada entre os brillantes carreiros que van trazando as ringleiras destas páxinas: como nos preguntar se seremos capaces de perseguir unha aventura agoniante ou se preferiremos virar cara un verxo alexandrino, se nos ha tocar percorrer as vereas dunha sostida emoción ou se será máis axeitado abandonarnos ao ritmo dun ensaio revelador. Porque todo na vida é un cruce de camiños: cada escolla, cada renuncia, cada responsable e afouta toma de decisións. Traballar pero tamén gozar do lecer do que nos fornecen as páxinas dos libros, estudar mais tamén encontrar un oco entre elas para soñar, gañar a vida e seguir educándonos, concentrármonos nas obrigas diarias pero á vez non deixar de alimentar a imaxinación. Nesa intersección que sempre foio e é Porriño, hoxe, esta tarde, escolleu o camiño enriquecedor. Talvez non a nivel pecuniario, pero si naquilo que nos fai mellores, no que alenta os nosos soños altos, no que nos axuda a camiñar.

Todos estes libros, este volumes e exemplares que vedes hoxe aquí, emprenderon hai pouco o seu avance polo Val da Louriña e, visto o sorprendente ecosistema, tamén se decidiron a ficar. Seguramente namoraron da sementeira de muíños por todo o val, ou do que viron os ollos das súas cubertas cando remontaron o paso dende A Risca, polos cumios da Gulpilleira. Tiñan a opción de dar volta, ou de baixar a refrescar o ton das súas historias nas augas xenerosas do río Louro. Cada pegada que damos é unha toma de decisións. Os libros desta festa viñeron a respirar ás Gándaras de Budiño, e agora as súas páxinas alentan aínda millor. Quixeron quedar unha tempada entre as súas brañas fértiles e calmas lagoas e bosques de ribeira; e seguro que tan rico tremedal ha prender nas súas raíces e xerar novas ringleiras. Alí onde medra a orballiña, onde campan a pequena cerceta e o demorador sapoconcho, os picos do Faro de Budiño apuntan aos nosos desexos. Por iso os lombos gravados na pel e no cartón destes volumes tomaron a resolución de vir a refrescar os seus relatos pesares á Fonte do Cristo. Porque toda a tristura se leva mellor se se pode bañar aí ou nos lavadoiros de Carracido, facendo mover as súas páxinas por entre os seus muíños e penedos.

Cruce de paso entre boas mercadorías dun a outro confín, Porriño abísmase en cada paso a unha grande ou pequena determinación, a un trasfego de acontecementos como os que respiran entre estas novelas, baixo as capas multicolores destes libros. As mesmas que perseguiron fantasías localizadas no antigo esplendor do castelo de Mirabel, que soñarían co pasado glorioso da fortaleza de Erbilone ou aventurarían os segredos das torres de Orbenlle. Hoxe quizais decidisen quedar por aquí para pararse a imaxinar de qué solo fecundo deberon beber esas historias, que foi realmente do castelo de Cans, ou como unha terra pode ser tan prodixiosa cpmo para dar a un tempo a Antonio Palacios e o granito. Coma quen fornece á vez da mellor arxila e do máis fantástico escultor, en Porriño a maior canteira mundial desta dura pedra e sen dúbida un dos xenios da arquitectura a nivel estatal. Todo ese talento e á vez toda esa materia prima. Coma se fose quen de dar á vez enormes plantas de biotecnoloxía e a graza de Teté Delgado, a forza de grandes deportistas e a beleza dunha das casas consistoriais máis belas de Galicia enteira. Coma se fose quen do alarde irrepetible de crear un festival de cine orixinalísimo e de primeiro nivel nunha aldea diminuta. Por iso os libros, todos estes feixes de volumes, estes andeis de exemplares encadernados de esperanzas, ao longo de todos estes días teñen pensado quedar aquí. Ante a encrucillada que é Porriño tomaron a decisión de quedar. Porque saben que se hai neste país unha canteira, esa está hoxe aquí entre nós. Da que se extraian os soños, os contos enormes e intimísimos, da que se saquen as palabras, a súa forza rexa e poderosa coma o granito. Unha canteira que nos forneza ben. E que se é quen de pintar a nosa vida de cor de rosa, de seguro será dun rosa Porriño!

Grazas a todo o mundo, parabéns por esta nova Feira, e que viva O Porriño!”.

Máis información sobre Yolanda Castaño, na súa web » ligazón externa


Ver a programación da Feira do Libro de Galicia por días:
xoves 12 »  venres 13 »  sábado 14 »  domingo 15 »


Logos patrocinio Feira do libro de GaliciaCabecera-web-ecultura.png