Presentación do libro: “Arquitectura rexionalista galega. A. Palacios, Gómez Román e outros”

| Xoves 14 de marzo. 2019
| Ás 20:00 h.
Centro Cultural Municipal do Porriño » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo

Presentación do libro: “Arquitectura rexionalista galega. A. Palacios, Gómez Román e outros”

*Foto: Óscar Vázquez, La Voz de Galicia

A presentación correrá a cargo do seu autor, Xosé Ramón Iglesias Veiga, que ademais de ser un dos maiores especialistas sobre Palacios, foi tamén durante moitos anos profesor do instituto porriñés IES Pino Manso. Agora está xubilado da súa labor docente, pero segue a estar moi activo como investigador. Proba delo é esta nova publicación que proximamente tamén poderedes consultar nos estantes da biblioteca do Porriño.


Prologo do libro de Xosé R. Iglesias Veiga

É unha grande honra poder contribuír dende a institución municipal á divulgación da figura e legado cultural do distinguido arquitecto Antonio Palacios Ramilo, fillo do Porriño. A súa magnífica obra que é obxecto de estudo e revisión constante por parte da investigación académica sitúa a Palacios nun lugar destacado no devir da historia da arquitectura.

Deixou unha prolífica serie de construcións por toda España con dous punto xeográficos onde o seu labor foi moi intenso, o sur de Galicia e a cidade de Madrid. Na capital están algúns dos seus proxectos máis emblemáticos, O Palacio de Comunicacións, o Círculo de Belas Artes, o Banco Español del Río de la Plata e o Hospital de Xornaleiros da rúa Maudes. Co paso do tempo Antonio Palacios foi definido como o “construtor de Madrid”.

Igualmente é un orgullo participar na divulgación das investigación do doutor en Historia da Arte, Xosé Ramón Iglesias Veiga, sen dúbida, un dos maiores coñecedores do universo Palacios ao que leva dedicados moitos anos de investigación. Unha parte do seu traballo é este libro que resume a súa tese doutoral lida en Madrid e cualificada “cum lauden”.  A presencia preponderante do mestre Palacios amplíase aquí a outros arquitectos, especialmente a Gómez Román, para analizar a actividade do Rexionalismo internacional aplicado aquí á arquitectura de Galicia.

Xosé Ramón Iglesias Veiga, nacido en Sanguiñeda, tan preto de nós, e profesor que foi ata hai moi pouco tempo do IES Pino Manso, é unha referencia de valores humanos e académicos de grande relevancia. Por iso é un orgullo xuntar ao grande arquitecto e ao documentadísimo profesor e ofrecer á cidadanía un avance máis nesta páxina da historia da arquitectura que dende a Louriña ábrese ao mundo.

Dende a óptica local engadimos, ademais, a tradicional distinción e recoñecemento unánime que sempre lle tributaron ao arquitecto as súas conveciñas e conveciños, de antes e de agora. Certamente, aquí recoñécense as súas dotes para a fantasía construtiva pero tamén a posición benfeitora e colaborativa que tivo coa súa terra natal. E abonda como exemplo que as catro obras realizadas no Porriño foron proxectadas de xeito gratuíto.


Cabecera-web-ecultura.png