Programa Corto e Cambio. Prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas entre adolescentes

Comparte Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+Email this to someone
| Durante os meses de marzo / abril / maio. 2019
| Actividade concertada
| Centros de ensino do concello
Organiza: OMIX do Porriño

PROGRAMA CORTO E CAMBIO

A OMIX do Concello do Porriño, levará a cabo durante os meses de marzo, abril e maio, o programa “Corto e Cambio”, no que participarán uns 180 mozos e mozas do concello (entre os cales se atopa un número importante de persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión) e conta coa implicación dos departamentos de orientación dos IES da localidade e de mais de 10 docentes de distintas materias.

Para a súa posta en marcha solicitouse unha subvención a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Trátase dun proxecto de promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como de sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, na que se fomenta a inclusión social dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración, e ademais dinamizase o uso da lingua galega entre a mocidade.

Falamos polo tanto dun proxecto de educación non formal, que busca a implicación directa de mozos e mozas do ámbito local que están cursando ESO, Bacherelato e FP Básico fundamentalmente, en obradoiros gratuítos, prácticos e participativos, baseados na metodoloxía da creación audiovisual.


Obxectivos

O principal obxectivo é tratar de involucrar a mocidade do concello do Porriño nunha tarefa creativa común onde a través de recursos audiovisuais, mozos e mozas traballen a temática proposta e reflexionen sobre as problemáticas e consecuencias.

Pero ademais tentaremos:

  • Coñecer as consecuencias físicas, psíquicas e sociais derivadas do consumo das distintas drogas.
  • Desenvolver capacidades e habilidades que lles posibilite tomar decisións responsables e coherentes co valor da saúde.
  • Adquirir coñecementos e habilidades dirixidas a minimizar os riscos asociados ao consumo de drogas.
  • Desenvolver unha actitude positiva e de respecto cara aos non consumidores
  • Corrixir ideas e crenzas erróneas respecto ao consumo de drogas.

Metodoloxía

Traballaremos todo o que rodea a elaboración dun documental audiovisual sobre esta problemática, dende unha metodoloxía de aprendizaxe significativo, con unha forte presenza das novas tecnoloxías, baseándonos na utilización de curtametraxes e recursos audiovisuais realizados por mozos e mozas de idades similares as súas, de xeito que sexa mais doado empatizar e implicalos/as a hora de traballar contidos como:

  • Identificar os riscos, para a saúde, derivados do consumo das drogas: físicos e psíquicos
  • Tomar conciencia/reflexionar sobre a vulnerabilidade persoal: personalizar o risco.
  • Identificar e analizar as variables que inflúen na toma de decisións, valorando as consecuencias que se deriva de cada opción.
  • Analizar a presión grupal como factor favorecedor do inicio no consumo de drogas, promovendo unha actitude crítica respecto a a mesma
  • Analizar tópicos e mitos existentes respecto ao consumo das drogas.
  • Valorar positivamente ás persoas non consumidoras
  • Adquirir coñecementos e pautas de actuación para a redución de riscos.

Establecerase unha sesión de traballo semanal, durante 6 semanas, para cada grupo, durante os meses de marzo e abril.

Dividiremos o traballo en dous bloques temáticos, un adicado a posta en común de conceptos e coñecementos en materia de consumo, e outro máis específico de traballo audiovisual.

A proxección das pezas audiovisuais creadas realizarase ao longo do mes de maio.

Para darlle visibilidade a este proxecto, abriremos unha canle de Youtube e incidiremos no que denominamos “Pegada dixital”, que consiste en que as actividades sexan publicadas e comentados nas redes sociais, polos/as propios/as participantes, nomeadamente en Instagram, pero tamén en Twitter e Facebook, de xeito que a información perdure no tempo e multiplique o seu alcance.


Patrocinio OMIXCabecera-web-ecultura.png