Proxecto Bibliosaude. Conferencia: “Como favorecer o desenvolvemento visual ao inicio e durante toda a vida”

| Xoves 23 de xaneiro. 2020
| Ás 19:00 h.

Biblioteca Municipal do Porriño Municipal » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo

Proxecto Bibliosaude. Conferencia: "Como favorecer o desenvolvemento visual ao inicio e durante toda a vida"

Relatora: Lucila To García-Miranda


CONFERENCIA

Conferencia dunha hora co obxectivo de compartir a importancia da información social para unha óptima estimulación e con iso concienciar sobre a prevención e o coñecemento desde a casa.

  • Que se pode facer desde a casa?
  • Que se pode facer desde a gardería?
  • Que podemos facer os profesionais, nais e pais?
  • Que estímulos debemos favorecer?
  • Que estímulos debemos evitar?

“Existen no mundo 217 millóns de persoas con problemas visuais”.

Informe da OMS sobre a visión

“1 de cada 4 rapaces non é diagnosticado ou é mal diagnosticado”.

International Journal of Disability, Development and Education, 2014

“A afectación crónica tratable máis común durante a infancia é a      capacidade visual”.

Informe National Comission on Vision and Health

Todos estes datos evidencian sobre a necesidade de informar a sociedade para reducir estas cifras e iniciar a prevención na primeira infancia por parte de todos os axentes implicados.

O desenvolvemento do ser humano depende de múltiples factores: os xenéticos, os ambientais e os familiares. Cunha boa información e educación podemos actuar sobre todos os factores ambientais e familiares, e esta debe ser parte da misión dos profesionais sanitarios. Pódense realizar estímulos dende o comezo da vida, pero algúns deles é preciso evitalos antes de que o sistema visual estea suficientemente organizado e desenvolvido.

A visión está implicada en todas as áreas da nosa vida, a educación, a saúde, o deporte, o rendemento laboral, etc., por iso a Organización Mundial da Saúde determina que “a responsabilidade na detección precoz e a estimulación non recae só nos profesionais do ámbito da saúde visual, oftalmólogos, ópticos-optometristas ou pediatras. A responsabilidade recae en toda a sociedade, desde nais, pais e titores, pasando por educadores, adestradores e todo aquel profesional implicado nas actividades da primeira infancia”.


RELATORA: LUCILA TO GARCÍA-MIRANDA

Lucila To García-Miranda

  • Óptica-optometrista especializada en terapia visual baixo unha filosofía comportamental e de desenvovlemento, con máis de 25 anos de experiencia clínica.
  • Máster en Dirección e Xestión de Recursos Humanos.
  • Membro da Xunta Directiva de SIODEC (Sociedade Científica de Optometría do Desenvolvemento).
  • Formadora en programas de optometría clínica.
  • Destaca a importancia de establecer pontes entre profesionais e pertence ao equipo docente do concepto TMPI (Terapia Manual Pediátrica Integrativa) con dous programas de formación avanzada, visión escoita e aprendizaxe TMPI e comunicación en TMPI.
  • Autora do Manual para su primera estimulación visual. Aurum Volatile, 2019.
    Directora clínica do Centro de Optometría e Terapia Lucila To en Andorra.

logo bibliosaúde

A Biblioteca do Porriño ten destacado nos últimos tempos polo desenvolvemento de programas formativos que a reafirman como espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social. Neste contexto foron numerosas as accións postas en marcha no pasado, buscando incidir cada ano nun aspecto determinado desta a súa vocación social.

Para o 2020 a Biblioteca do Porriño manifesta o seu compromiso social de traballar no ámbito da saúde e o benestar a través do Proxecto Bibliosaúde, co obxectivo de promover o benestar para todas as persoas de todas as idades. Responde así a Obxectivo nº 3 da “Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible”, auspiciada pola ONU, que propón aos centros bibliotecarios apoiar no acceso público a información sobre saúde e benestar.

A “Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible” representa o compromiso internacional para facer fronte aos retos sociais, económicos e medio ambientais do planeta, poñendo no centro ás persoas, o planeta, a prosperidade e a paz. A Axenda pretende avanzar cara sociedades máis inclusivas, con maior cohesión social, a través de 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que cobren todas as políticas públicas, propoñendo accións determinadas a toda a sociedade.

Para levar a cabo este compromiso, a biblioteca do Porriño pon en marcha varias accións específicas que se porán en marcha ao longo do ano: creación dunha sección de Biblioterapia, organización dun ciclo de conferencias divulgativas sobre saúde e desenvolvemento dunha campaña de promoción da saúde en internet.

1. Sección Biblioterapia: Lecturas saudables

A biblioterapia consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico (libros de autoaxuda) ou de desenvolvemento (novelas). Recórrese a ela principalmente para apoiar o tratamento de trastornos mentais e problemas emocionais e para promover a saúde mental. Acceder a este tipo de libros pode axudar a pacientes e familiares a entender mellor e afrontar os problemas de saúde, así como a mellorar o seu benestar.

Debido aos beneficios probados destas lecturas, a Biblioteca do Porriño crea unha nova sección bibliográfica formada por 142 recomendacións de lectura (libros de autoaxuda, psicoeducación, novelas e obras de non ficción) para apoiar o proceso terapéutico de trastornos e problemas moi variados. Entra así a formar parte do proxecto “Biblioterapia” promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas.

Trátase dunha lista coidadosamente seleccionada de libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes. Unha selección que ata o de agora estaba dispoñible soamente nas bibliotecas dos principais hospitais de Galicia e nas bibliotecas públicas da Xunta de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo) e que a biblioteca porriñesa adapta agora nunha biblioteca municipal. Os libros, reunidos nun estante específico da biblioteca, poderán retirarse normalmente presentando o carné de usuario/a. Ademais, na páxina web de Bibliosaúde (bibliosaude.sergas.gal) e da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (rbgalicia.xunta.gal) existen fichas coas referencias dos libros, breves resumos e contidos enriquecidos sobre os mesmos.

A sección de Biblioterapia estará dispoñible na biblioteca a finais deste mes de xaneiro.

2 . Ciclo de conferencias sobre  saúde

Como segunda acción dentro do proxecto Bibliosaúde, ao longo do 2020 a biblioteca porriñesa organizará varias conferencias divulgativas sobre temas sanitarios, que apoien o acceso público a información sobre saúde e benestar. Para elo contarase coa presenza de importantes persoeiros do mundo científico e traballadores da saúde, que achegarán ao público temas relevantes cunha visión eminentemente práctica. Todas as conferencias serán de entrada libre ata completar aforo.

Conferencia “Como favorecer o desenvolvemento visual ao inicio e durante toda a vida”. Relatora: Lucila To García-Miranda.

A primeira conferencia deste ciclo divulgativo está xa organizada para o próximo 23 de xaneiro ás 19:00 no auditorio da biblioteca do Porriño, sobre o campo do desenvolvemento visual, incidindo especialmente no seu aspecto infantil. Trátase dun tema especialmente relevante, xa que existen no mundo 217 millóns de persoas con problemas visuais, 1 de cada 4 rapaces non é diagnosticado ou é mal diagnosticado, e a afectación crónica tratable máis común durante a infancia é a capacidade visual.

Para iso contarase coa presenza de Lucila To García-Miranda, óptica-optometrista especializada en terapia visual baixo unha filosofía comportamental e de desenvolvemento, con máis de 25 anos de experiencia clínica. Lucila é Directora clínica do Centro de Optometría e Terapia Lucila To en Andorra, Máster en Dirección e Xestión de Recursos Humanos, Membro da Xunta Directiva de SIODEC (Sociedade Científica de Optometría do Desenvolvemento), e formadora en programas de optometría clínica. Tamén pertence ao equipo docente do concepto TMPI (Terapia Manual Pediátrica Integrativa) e é  autora do libro “Manual para su primera estimulación visual” (Aurum Volatile, 2019).

O encontro ten o obxectivo de compartir a importancia da información social para unha óptima estimulación visual e con iso concienciar sobre a prevención e o coñecemento desde a casa. A relatora responderá a preguntas como: Que se pode facer desde a casa?, Que se pode facer desde a gardería?, Que podemos facer os profesionais, nais e pais?, Que estímulos debemos favorecer?, Que estímulos debemos evitar?

3. Campaña de promoción da saúde en internet

Ao longo do ano, a biblioteca levará a cabo unha campaña de promoción da saúde a través das súa páxina web e redes sociais, arredor do hagstag #bibliosaude. Esta campaña concretarase nunha serie de publicacións periódicas e accións entre as que destacan:

  • Promoción da lectura como actividade terapéutica, e dos beneficios da lectura na saúde e benestar, aportando datos avaliados pola ciencia.
  • Realización dun mapa municipal de farmacias en Google Maps, con localizacións e datos de contacto, e información semanal das farmacias de garda.
  • Promoción da doazón de sangue, e información sobre os días e horas da presenza das unidades móbiles de doazón no Porriño.

>> Visita a web da Biblioteca Municipal do Porriño <<


Biblioteca Municipal do PorriñoCabecera-web-ecultura.png