Proxecto Bibliosaude. Conferencia: “Guía práctica para acompañar ao teu bebé no seu desenvolvemento”

ACTUALIZACIÓN: EVENTO CANCELADO

Cancelado como medida de prevención ante a propagación do COVID-19.

Conferencia: “Guía práctica para acompañar ao teu bebé no seu desenvolvemento”

| Xoves 12 de marzo. 2020
| Ás 19:00 h.

Biblioteca Municipal do Porriño Municipal » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo

Conferencia: “Guía práctica para acompañar ao teu bebé no seu desenvolvemento”

Orador: Iñaki Pastor
Organiza: Biblioteca Municipal


CONSELLOS PRÁCTICOS PARA O TEU BEBÉ

Cada día hai máis evidencia de que as primeiras experiencias da vida determinan en grande parte o que ocorrerá despois.
Cando nace unha nova vida, os proxenitores viven unha grande inseguridade respecto ás decisións que deben tomar no día a día. Ademais, a isto hai que engadirlle a gran cantidade de consellos que reciben de todo o mundo.

Unha clave para a crianza dun bebé é o equilibrio entre coidar/protexer e estimular, porque estes dous aspectos imprescindibles parecen, a miúdo, contraditorios. O exceso de protección e a falta de estímulos está detrás de moitos atrasos do desenvolvemento que poden chegar a derivar mesmo en dificultades escolares, de comportamento ou de coordinación de movementos. Por isto, unha boa información é o agasallo máis grande que se pode facer a unha familia.

Hai numerosos detalles que poden marcar a diferenza no desenvolvemento dun bebé pero 5 recomendacións poderían conter as claves dun bo desenvolvemento se o bebé é san: moito máis tacto, moito máis movemento, moito máis boca abaixo, moito menos pantallas e moito máis estar presente de corazón.


RELATOR: IÑAKI PASTOR

Iñaki Pastor

Fisioterapeuta experto en pediatría e en desenvolvemento. Creador e director da Terapia Manual Pediátrica Integrativa (TMPI). Dirixe o Instituto de Terapias Integrativas de Zaragoza. É autor dos libros:

  • ¡Ayúdale a despegar! (Aurum Volatile, 2018)
  • Terapia manual en el sistema oculomotor (Elsevier, 2019)

Iñaki é máster en Fisioterapia Pediátrica e profesor internacional de Reeducación Postural Global. Imparte formacións, seminarios e conferencias de fisioterapia en distintos países do mundo. É fundador do Instituto Aragonés de Salud y Desarrollo Infantil (IASDI).


logo bibliosaúde

A Biblioteca do Porriño ten destacado nos últimos tempos polo desenvolvemento de programas formativos que a reafirman como espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social. Neste contexto foron numerosas as accións postas en marcha no pasado, buscando incidir cada ano nun aspecto determinado desta a súa vocación social.

Para o 2020 a Biblioteca do Porriño manifesta o seu compromiso social de traballar no ámbito da saúde e o benestar a través do Proxecto Bibliosaúde, co obxectivo de promover o benestar para todas as persoas de todas as idades. Responde así a Obxectivo nº 3 da “Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible”, auspiciada pola ONU, que propón aos centros bibliotecarios apoiar no acceso público a información sobre saúde e benestar.

A “Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible” representa o compromiso internacional para facer fronte aos retos sociais, económicos e medio ambientais do planeta, poñendo no centro ás persoas, o planeta, a prosperidade e a paz. A Axenda pretende avanzar cara sociedades máis inclusivas, con maior cohesión social, a través de 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que cobren todas as políticas públicas, propoñendo accións determinadas a toda a sociedade.

Para levar a cabo este compromiso, a biblioteca do Porriño pon en marcha varias accións específicas que se porán en marcha ao longo do ano: creación dunha sección de Biblioterapia, organización dun ciclo de conferencias divulgativas sobre saúde e desenvolvemento dunha campaña de promoción da saúde en internet.

1. Sección Biblioterapia: Lecturas saudables

A biblioterapia consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico (libros de autoaxuda) ou de desenvolvemento (novelas). Recórrese a ela principalmente para apoiar o tratamento de trastornos mentais e problemas emocionais e para promover a saúde mental. Acceder a este tipo de libros pode axudar a pacientes e familiares a entender mellor e afrontar os problemas de saúde, así como a mellorar o seu benestar.

Debido aos beneficios probados destas lecturas, a Biblioteca do Porriño crea unha nova sección bibliográfica formada por 142 recomendacións de lectura (libros de autoaxuda, psicoeducación, novelas e obras de non ficción) para apoiar o proceso terapéutico de trastornos e problemas moi variados. Entra así a formar parte do proxecto “Biblioterapia” promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede Galega de Bibliotecas.

Trátase dunha lista coidadosamente seleccionada de libros recomendados por profesionais da saúde mental, expertos en literatura e pacientes. Unha selección que ata o de agora estaba dispoñible soamente nas bibliotecas dos principais hospitais de Galicia e nas bibliotecas públicas da Xunta de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo) e que a biblioteca porriñesa adapta agora nunha biblioteca municipal. Os libros, reunidos nun estante específico da biblioteca, poderán retirarse normalmente presentando o carné de usuario/a. Ademais, na páxina web de Bibliosaúde (bibliosaude.sergas.gal) e da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (rbgalicia.xunta.gal) existen fichas coas referencias dos libros, breves resumos e contidos enriquecidos sobre os mesmos.

A sección de Biblioterapia estará dispoñible na biblioteca a finais deste mes de xaneiro.

2 . Ciclo de conferencias sobre  saúde

Como segunda acción dentro do proxecto Bibliosaúde, ao longo do 2020 a biblioteca porriñesa organizará varias conferencias divulgativas sobre temas sanitarios, que apoien o acceso público a información sobre saúde e benestar. Para elo contarase coa presenza de importantes persoeiros do mundo científico e traballadores da saúde, que achegarán ao público temas relevantes cunha visión eminentemente práctica. Todas as conferencias serán de entrada libre ata completar aforo.

3. Campaña de promoción da saúde en internet

Ao longo do ano, a biblioteca levará a cabo unha campaña de promoción da saúde a través das súa páxina web e redes sociais, arredor do hagstag #bibliosaude. Esta campaña concretarase nunha serie de publicacións periódicas e accións entre as que destacan:

  • Promoción da lectura como actividade terapéutica, e dos beneficios da lectura na saúde e benestar, aportando datos avaliados pola ciencia.
  • Realización dun mapa municipal de farmacias en Google Maps, con localizacións e datos de contacto, e información semanal das farmacias de garda.
  • Promoción da doazón de sangue, e información sobre os días e horas da presenza das unidades móbiles de doazón no Porriño.

>> Visita a web da Biblioteca Municipal do Porriño <<


Biblioteca Municipal do PorriñoCabecera-web-ecultura.png