+ Que libros Proxección do documental “Santa liberdade” e coloquio coa súa directora, Margarita Ledo Andión

Comparte Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+Email this to someone
| Venres 26 de outubro. 2018
| Ás 19:00 h.
Centro Cultural Municipal do Porriño » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo

“Santa liberdade” de Margarita Ledo Andión


Celebración do Día das Bibliotecas. + Que libros

Proxección do documental Santa Liberdade, un film de Margarita Ledo Andión e coloquio coa súa directora.

Relatora: Margarita Ledo Andión

Poboación a quen vai dirixido: Todos os públicos


Margarita Ledo Andión

Ledo Andión é cineasta, poeta e escritora, exiliada en Portugal nos anos finais dunha ditadura franquista que a perseguía pola súa militancia en Unión do Pobo Galego, Margarita Ledo é hoxe membro da Real Academia Galega e catedrática de Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela. Autora de varias obra de poesía, narrativa e estudos sobre fotografía e sobre cinema, a súa filmografía supón unha singular aposta dentro do noso cinema polo modelado continuo duns mesmos temas, que van asentándose en busca dunha cada vez maior complexidade formal.

En 2004 dirixiu o seu primeiro longametraxe documental, Santa Liberdade ao que seguiron: Hai que botalos (2005), Liste, pronunciado Líster (2007) e A cicatriz branca(2012).


Santa Liberdade

Título orixinal: Santa Liberdade
Ano: 2004
Duración: 88 min.
País: España
Dirección: Margarita Ledo Andión
Guion: Margarita Ledo Andión
Música: Manuel Rodeiro
Fotografía: Luís Abramo,Rui Poças
Reparto: Documentary,Federico Fernández Ackerman,Manuel Ferrol,Dominique LaPierre, Camilo Mortágua,Víctor Velo Pérez
Productora: Filmanova, Nós Productora Cinematográfica Galega S.L.
Xénero: Documental | Política


Santa Liberdade

Sinopse:

O documental narra o secuestro por parte do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación do buque Santa María en 1961, que rebautizaron como Santa Libertade. 

En 1961, o 22 de xaneiro un grupo de antifascistas galegos e portugueses autoorganizados no Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación ( DRIL), tomaron por asalto o transatlántico de bandeira portuguesa “Santa María”, que con centos de pasaxeiros dirixíase ao porto de Vigo. Baixo as ordes de Humberto Delgado, Enrique Galvao, Xose Veo e Jorge Fernández de Soutomaior, portugueses os dous primeiros, galegos os seguinte, exiliados todos, das ditaduras franquista e salazarista en Venezuela e Brasil.

As 24 persoas que compoñían o grupo protagonizaron o primeiro secuestro político da Historia e o seu obxectivo era chamar a atención de todo o mundo sobre a situación política que atravesaban os estados español e portugués, mediante unha acción propagandística de gran dimensión. O DRIL conseguiu facer deste asalto un acontecemento mediático.

Durante 13 días os telexornais e xornais de boa parte do mundo abriron as súas edicións coa noticia do secuestro. O barco conseguiu manterse durante tres días completos sen localizar, mentres que o goberno norteamericano, baixo a presidencia de Kennedy, asumiu a coordinación dunha ampla operación de procura e captura, o que serviu tamén como manobra de contención das peticións de afundir o barco feita polas ditaduras ibéricas, que cualificaban o suceso como mero acto de piratería. Despois dunha complexa trama de negociacións con representantes brasileiros e estadounidenses, que culminou cun encontro a bordo, o secuestro finalizou coa entrada en Recife, ao concederlles, o Presidente de Brasil, Janio Quadros, o dereito de asilo. Durante o tempo que durou o secuestro o nome do transatlántico foi cambiado a “Santa Liberdade”.

Esta “aventura heroica” como a chamou Luís Seoane foi un dos acontecementos máis importantes de denuncia e de loita contra ambas as ditaduras, aínda que o silencio en torno seu convértao case en materia de soños, en pura utopía. En España a prensa franquista informou sobre o tema referíndoo como realizado por un grupo de bandidos e piratas sen escrúpulos e da peor calaña imaxinable. Presentárono ademais como efectuado unicamente pola oposición portuguesa, e a intervención de galegos antifranquistas foi totalmente ocultada polos medios de comunicación.

Así se presenta o argumento deste documental co que debutou a escritora, catedrática de comunicación audiovisual e primeira decana da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago, Margarita Ledo.


Biblioteca Municipal do PorriñoCabecera-web-ecultura.png