Teatro: “Cousas”

Comparte Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+Email this to someone
| 25 de xaneiro. 2017
| Ás 12:00 h.
Círculo Recreativo e Cultural » ver mapa

Teatro Cousas

Un espectáculo da compañía Os Quinquilláns, destinado a alumnas/os de galego dos institutos.

Durante todo o curso a peza teatral Cousas, baseada na coñecida obra do escritor Alfonso Daniel R. Castelao, será representada, na adaptación proposta por Os Quinquilláns Teatro, en máis de 40 localidades de toda Galicia. Esta cifra aumenta día a día ao sumárense novos lugares que queren levar a montaxe aos centros de ensino e, así, achegarlle ao alumnado dunha maneira diferente a lectura desta obra de referencia. Os Quinquilláns xa percorreron Galicia o curso pasado coa peza O espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, que viron case 20.000 rapaces e rapazas de toda Galicia.

Nesta proposta teatral inténtase ser fiel ao mesmo espírito co que Castelao creou as cousas, eses pequenos relatos que ilustraba cun debuxo. Na esencia da obra está a sociedade galega, o retrato dunha época que está afastada no tempo, pois trasládanos aos anos vinte do século pasado, pero que ten moito de global e de atemporal.

A montaxe provoca en moitos momentos o riso, posto que Castelao manexaba coma ninguén a retranca, a comedia, a farsa, pero tamén está moi presente a tristura e a traxedia, sentimentos variados que se desprenden das páxinas da obra e tamén da representación teatral. Aparecen en escena relatos tan coñecidos como “O pai do Migueliño”, que recrea a dureza da emigración, unha temática que tristemente segue a resultar actual; ou o “Rifante” que despois de coñecer o éxito non soubo xestionar unha época mala e cría que a vergoña era peor que a fame, un tema, o da caída económica, que resulta familiar en tempos de crise. E así outros moitos relatos que aparecen en escena mesturados con pinceladas sobre o propio Castelao, para facer así unha representación dinámica, educativa e entretida.

60 minutos para achegar ao público máis novo, e non só, a unha das obras sobranceiras da literatura galega, e tamén ao seu autor, Castelao, un dos grandes renovadores da nosa prosa e tamén un dos que mellor entendeu e representou o pobo galego.

Cousas é a creación máis orixinal que nos deixou Castelao. Con este libro publicado por primeira vez no ano 1926, o de Rianxo inventa un xénero novo e persoal. A través destas breves narracións consegue expresar a realidade esencial do pobo galego. Emoción e sentimento únense a un senso do humor extraordinario que fai da súa lectura unha experiencia única e agora tamén da súa representación en escena.

Máis info sobre Os Quinquilláns, na súa web » ligazón externa


Cabecera-web-ecultura.png