| Venres 14 de abril (1ª xornada). 2023
| Obradoiro: de 16:00 a 18:30 h | Conferencia: Ás 19:00 h
| Centro Cultural Municipal » ver mapa
- Obradoiro: Comunicación no conflito
- Conferencia: Por que lle doe a tripa?
Relatora: Gloria González
Xornadas para familias e profesionais
Organiza: Biblioteca Municipal do Porriño
Aproveitando a boa acollida que tivo este proxecto, impulsado durante o ano 2022 pola Concellería de Cultura e Igualdade do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, apostouse por unha nova edición deste ciclo de xornadas para seguirlle achegando e divulgando información á sociedade adulta, a responsable de guiar e acompañar a nosa infancia.
Coma na anterior edición, as diferentes perspectivas abordaranse desde a oportunidade e o desafío que supón entender mellor o desenvolvemento do cerebro infantil e cal é o noso papel como coidadores/as, sexamos as súas figuras referentes ou as persoas que atendemos as súas necesidades en momentos puntuais. Porque o noso modo de estar presentes, de crear oportunidades e acompañalos/as no seu camiño así coma o modo no que nos comunicamos condiciónaos/as.
Nesta ocasión, vólvese apostar por diferentes perfís profesionais para afondar no campo da comunicación, o procesamento sensorial e a aprendizaxe.
Como novidade, nesta edición desenvolverase antes de cada conferencia, un obradoiro práctico onde se darán e proporán ferramentas prácticas e útiles para aplicar cada día coa conciencia e co propósito de favorecer un bo desenvolvemento infantil. Estes obradoiros levaranse a cabo en grupos reducidos e requirirán inscrición previa no seguinte correo electrónico: biblioteca@oporrino.org
Os relatorios son abertos a todo o público sen necesidade de inscrición.
1ª Xornada
Obradoiro: Comunicación no conflito
Venres 14 de abril. De 16:00 a 18:30 h
O conflito é unha realidade en calquera relación, familiar, educativa…
O conflito pode levarnos a un muro separador ou pode ser unha oportunidade para a transformación e o crecemento.
Como nos comunicamos no conflito determinará o que suceda.
Neste obradoiro, dirixido a nais, pais e profesionais do ámbito educativo e da saúde, aprenderemos as claves emocionais e comunicativas necesarias para aprender a manexar conflitos e convertelos nunha oportunidade.
Conferencia: Por que lle doe a tripa?
Venres 14 de abril. Ás 19:00 h
Claves para entender o comportamento dos/das nenos/as.
Dirixida a nais, pais e profesionais do ámbito da saúde e da educación. Nesta charla desenvolveremos as claves para entender o que nos están expresando os/as nenos/as co seu comportamento e como poder abordar, dunha maneira máis adecuada, as necesidades que están a manifestar.
Relatora: Gloria González
Psicóloga sanitaria, formadora e psicoterapeuta Clínico EMDR por EMDR Europa. É experta en desenvolvemento, apego e trauma.
Desde 2004 exerce de psicoterapeuta nun gabinete privado e ten colaborado con Escuela de familias. Na súa traxectoria, tamén traballou en dispositivos públicos de atención social e a familias e en programas de acollemento e adopción, como orientadora en centros educativos e profesora universitaria.
Na actualidade continúa desenvolvendo a súa paixón como psicoterapeuta, é formadora de profesionais do ámbito sanitario e educativo e colabora en equipos multidisciplinarios de atención infantil.
É coautora do libro El desafío de crecer (Aurum Volatile, 2020) xunto con Iñaki Pastor e Lucila To.
Xa o sabes, garda na túa axenda os tres últimos venres de abril de 2023! Non o esquezas, ás 16:00 h os obradoiros e ás 19:00 h as conferencias no Centro Cultural Municipal.
Servizo de acompañamento infantil: durante o tempo da charla contaremos con persoal para acompañar as vosas crianzas e aproveitar para mostrarlles o fondo bibliográfico da biblioteca municipal.
- 1ª Xornada. Venres 14 de abril
OBRADOIRO: Comunicación no conflito
CONFERENCIA: Por que lle doe a tripa?
Relatora: Gloria González - 2ª Xornada. Venres 21 de abril [ver]
OBRADOIRO: Cre en ti para crear
CONFERENCIA: Axúdalles a ver o que outros non ven
Relatora: Patricia García Figueroa (Trazos Class) - 3ª Xornada. Venres 28 de abril [ver]
OBRADOIRO: Acompañando desde o respecto
CONFERENCIA: O conto como ferramenta para abordar dificultades do procesamento sensorial
Relatoras: Marta Pérez e Paula Madrid (Infancia Meirch&Peich)
Laura Alonso Coto (coordinadora das xornadas)
Óptico-optometrista con formación de posgrao en Optometría clínica e Terapia visual. Ampla e continua formación no ámbito do desenvolvemento infantil, así como asistente e relatora en diferentes cursos do ámbito nacional e internacional.
Socia clínica de SIODEC (Sociedade Internacional de Optometría do Desenvolvemento e o Comportamento) sociedade que representa o seu enfoque profesional e de acompañamento das persoas, socia voluntaria de “Abre sus ojos”, con quen colabora nos programas de avaliación a pacientes con discapacidade intelectual e necesidades visuais, así como de “Ocularis ONGD”, asociación que forma profesionais do ámbito da saúde visual en diferentes países de África.
Actualmente é profesora da “Asociación Española de Optometristas Unidos” impartindo cursos para optometristas e dirixe a súa propia consulta de optometría na clínica “Sastre & Rojo” (Vigo).
A súa paixón e experiencia persoal, así coma a súa traxectoria profesional, fai que sinta a necesidade de traballar en equipos interdisciplinarios e coordinar ou impartir cursos e obradoiros de divulgación e prevención visual, entre outros temas do ámbito da saúde e da educación social.
Descarga o programa das charlas [ PDF ]