| Luns 25 de novembro. 2024
Organizan: Concellería de Igualdade e CIM Do Porriño
Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o próximo 25 de novembro, o Concello de Porriño, a través da Concellería de Igualdade dirixida por Carolina González, presenta a súa programación anual de actividades destinadas a promover a igualdade e sensibilizar á cidadanía fronte á violencia de xénero, un compromiso institucional que este ano se materializará baixo o lema “Elas Somos Todas”.
A programación arrincará o mesmo 25 de novembro na praza Arquitecto Antonio Palacios, onde se instalará o Punto Violeta a partir das 12:30 h, un espazo simbólico e de apoio para informar, visibilizar e sensibilizar á cidadanía sobre a violencia de xénero. Ese mesmo día, ás 18:00 h, terá lugar un acto no que asociacións e clubs locais lerán un manifesto en memoria das mulleres vítimas da violencia machista durante o último ano. Esta homenaxe contará coa actuación especial do coro de góspel de Rebeca Rods, ás 18:45 h, ofrecendo un momento de recordo e reflexión .
Ao longo do ano, levaranse a cabo unha serie de actividades e eventos que subliñan a implicación do Concello na loita pola igualdade de xénero e contra a violencia machista. Entre elas, destaca unha mesa redonda titulada “A violencia contra as mulleres en pleno século XXI”, na que profesionais do ámbito xurídico abordarán a problemática desde unha perspectiva técnica e actualizada.
Ademais, retomaranse as xornadas de defensa persoal feminina, abertas á participación da cidadanía e tamén con enfoque educativo nos centros escolares, en colaboración coa Policía Local, promovendo o desenvolvemento de habilidades de autodefensa e empoderamento.
Como unha aposta máis cara á igualdade, o Concello de Porriño presentará o seu V Plan de Igualdade, que guiará as políticas públicas municipais nesta materia e reforzará responsabilidade coa creación dunha sociedade máis xusta e equitativa. Tamén levará a cabo un curso de saúde feminina orientado a mulleres, con especial atención nas zonas de Porriño centro e Torneiros, abordando aspectos de benestar e coidado persoal. Así mesmo, realizaranse formacións en igualdade dirixidas a corpos de seguridade e persoal do Concello, con especial implicación da Policía Local.
A campaña anual de sensibilización contra a violencia machista incluirá múltiples accións de concienciación, con actividades, obradoiros e difusión de contidos informativos. A través destas accións, o Concello de Porriño pon o foco na erradicación da violencia de xénero e na súa responsabilidade en construír unha sociedade que respecte a igualdade e rexeite toda forma de violencia.