| Venres 15 de marzo (2ª xornada). 2024
| Obradoiro: ás 16:30 h • Require inscrición previa
| Conferencia: ás 18:30 h • Entrada libre e de balde ata completar prazas
| Centro Cultural Municipal » ver mapa
Visión e atención
Relatora: Blanca Olmedo García-Señoráns
Xornadas para familias e profesionais
Organiza: Biblioteca Municipal do Porriño
Nesta nova edición das xornadas, organizadas pola Concellería de Cultura do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, abordarase novamente e dende diferentes perspectivas, como favorecer e previr problemas de atención e aprendizaxe. A atención e a presenza plena son habilidades que se cultivan dende a primeira infancia e as persoas adultas temos a responsabilidade de ser modelo e fomentar o espazo que lle permita á nosa infancia cultivar esta aprendizaxe.
Repetindo o formato da pasada edición, que tivo tan boa acollida, nesta ocasión volverase realizar un obradoiro, previo á conferencia, no que se favorecerá a experimentación en grupos reducidos e que precisa dunha inscrición previa na biblioteca ou a través do correo electrónico: biblioteca@oporrino.org.
Despois do obradoiro terá lugar a conferencia aberta a todo o público, que non require inscrición.
2ª Xornada
Visión e atención
Venres 15 de marzo
Obradoiro: ás 16:30 h | Conferencia: ás 18:30 h
Nesta conferencia falaremos sobre como a visión inflúe directamente no nivel de atención e no rendemento escolar.
Máis alá de ver “ben” ou ver “mal”, a visión pode afectar a nosa capacidade para realizar unha tarefa de cerca durante un tempo determinado, conseguir concentrarnos nas preguntas que estamos lendo nun exame ou incluso prestar atención ao encerado mentres hai alguén movéndose ao noso carón. Algunhas destas dificultades experimentarémolas de primeira man no obradoiro, centrado especificamente en comprender que senten estes peques e así poder detectalas e axudalos/as da mellor maneira posible.
Relatora: Blanca Olmedo García-Señoráns
Graduada en Óptica e Optometría pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Optometría Clínica e Terapia Visual polo Centro de Optometría Internacional.
Unha mente inqueda, en continua formación e aprendizaxe. Considera que a divulgación é unha arma poderosa e necesaria, especialmente cando falamos de peques e a súa aprendizaxe.
Xa o sabes, reserva na túa axenda o terceiro venres de febreiro, marzo e abril. Non o esquezas, ás 16:30 h os obradoiros (con inscrición previa) e ás 18:30 h as conferencias no Centro Cultural Municipal.
Correo electrónico para as inscricións: biblioteca@oporrino.org
Servizo de acompañamento infantil: durante o tempo da charla contaremos con persoal para acompañar as vosas crianzas e aproveitar para mostrarlles o fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal.
- 1ª Xornada. Venres 16 de febreiro
Importancia do sono na saúde dos/as nenos/as [ver]
Relatora: Isabel Portela - 2ª Xornada. Venres 15 de marzo
Visión e atención
Relatora: Blanca Olmedo García-Señoráns - 3ª Xornada. Venres 19 de abril [ver]
O corpo e o movemento do/a neno/a como ferramenta para a súa aprendizaxe
Relatora: Yolanda García Pizarro
Laura Alonso Coto (coordinadora das xornadas)
Óptico-optometrista con formación de Posgrao en Optometría Clínica e Terapia Visual. Ampla e continua formación en varios ámbitos, destacando o desenvolvemento infantil. Conferenciante en diferentes relatorios e cursos de ámbito nacional e internacional.
Vocación altruísta, que a leva a colaborar con varias asociacións, así como a ser socia clínica de SIODEC (Sociedade Internacional de Optometría do Desenvolvemento e o Comportamento). Tamén participa activamente en “Abre sus Ojos”, onde realiza a avaliación a persoas con discapacidade intelectual, e en “Ocularis”, onde forma profesionais en países en desenvolvemento.
Actualmente, combina a súa traxectoria profesional coa dirección da súa propia consulta de optometría e imparte cursos para optometristas a través da “Asociación Española de Optrometristas Unidos”, entre outros proxectos de divulgación e prevención visual.
Descarga o programa das charlas [ PDF ]