A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo para formalizar a matrícula do curso 2021/2022

| Prazo de inscrición do 14 ao 17 de setembro. 2021


Dende o martes 14 ata o venres 17 de setembro pódese formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Multiusos de Torneiros), en horario de 16:00 a 21:00 horas, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño.

Da mesma forma, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición correspondente no mes de xullo poderá matricularse a partir das 17:00 horas do venres 17 de setembro.

As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito están expostas nas portas do Centro Cultural e da Escola Municipal de Música. Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.

O alumnado sen preinscrición poderá matricularse a partir das 18:30 horas do venres 17 de setembro ou a partir do día 22 de setembro de 16:30 a 18:30 horas, sempre e cando queden prazas dispoñibles.

A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é a que se indica a continuación:

  • Música e Movemento, dos 4 aos 7 anos
  • Linguaxe Musical: nivel elemental e medio (entre outras materias), dende os 8 anos en diante e sen límite de idade.
  • Especialidades instrumentais:
    • Violín, viola, violonchelo, guitarra, piano, canto, gaita, percusión tradicional, óboe, clarinete, saxofón, frauta traveseira, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión sinfónica.
    • Agrupacións: banda, orquestra de cordas, conxunto de música tradicional e corais de nenas/os e adultas/os.

As clases comezarán o venres 1 de outubro. 


Protocolo para realizar a matriculación

  • As matrículas realizaranse en intervalos de entre 5 e 10 minutos. Rogamos a máxima puntualidade. Cada estudante ten a súa hora de matrícula e, unha vez pase a súa quenda, non poderá ser atendida/o.
  • Preferentemente entrará a formalizar a matrícula unha única persoa por estudante. No caso de familias con varios membros, recomendamos que sexa unha única persoa representante a que formalice a matrícula.
  • É obrigatorio o uso de máscara.
  • As persoas usuarias deberán aplicar o xel hidroalcohólico á entrada e á saída da zona de matrícula. Limparase e desinfectarase a zona de matrícula entre unha e outra persoa.
  • Manterase unha distancia interpersoal de, polo menos, 1,5 metros en todo o proceso de matrícula, así como á entrada e á saída da escola.
  • As persoas responsables de matricular as súas fillas e os seus fillos deberán traer con eles toda a información e documentación necesaria, así como lapis ou bolígrafo para apuntar. Rogamos que leven varias opcións de horarios anotadas para axilizar o proceso da matrícula.

Cabecera-web-ecultura.png