| Mércores 3 de xuño • A partir das 19:00 h
| Xoves 4 de xuño • A partir das 11:00 h
| Venres 5 de xuño • A partir das 10:00 h

Un ano máis a vila do Porriño volverá inzar as ciencias de rúas. Na primeira semana de xuño, a praza do Concello e as rúas lindeiras albergarán unhas xornadas educativas e culturais coas que se pretende visibilizar e homenaxear á ciencia. Volve Acienciacerta, a III Mostra de Ciencias na Rúa do Porriño, que terá lugar o mércores 3, o xoves 4 e o venres 5 de xuño do 2026.
Este ano o tema central e fío condutor de todas as charlas, intervencións e conferencias será o envellecemento, polo que protagonizará a imaxe gráfica do certame. Como cada ano, pechará a última xornada cunha Feira Científica de todos os centros educativos do Porriño, que inclúe casetas de entidades, institucións e centros tecnolóxicos.
PROGRAMA MÉRCORES 3 DE XUÑO
A mostra arrancará o mércores ás 19:00 h co simbólico ‘Brinde pola Ciencia’ (con Aguas de Mondariz) na histórica Botica Nova de Palacios. Media hora máis tarde, ás 19:30 h, na súa contorna, acollerá un diálogo a tres bandas titulado “Números, arquitectura e bioloxía do avellentamento”. Nela participarán tres mulleres que son referentes científicos internacionais: Teresa Táboas Veleiro, Vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos e exConselleira de Vivenda; Elena Vázquez Cendón, Catedrática de Matemática Aplicada na USC e Premio María Josefa Wonenburger; e Marisol Soengas González, Xefa do Grupo de Melanoma do CNIO e Premio María Larcher da EACR.
PROGRAMA XOVES 4 DE XUÑO
A xornada do xoves comezará cun acto de benvida a Marisol Soengas, que ofrecerá unha charla didáctica para o alumnado. Pola tarde, o programa inclúe:
Ás 18:30 h, José María Faílde, doutor en Neuropsicoloxía e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, presentará a candidatura de Ourense para ser recoñecida como a sexta Blue Zone (Zona Azul) do mundo pola lonxevidade dos seus habitantes.
Ás 19:30 h, o prestixioso catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Anxo Carracedo, impartirá unha das conferencias máis agardadas da mostra.
O broche de ouro do xoves será transversal e artístico. Mentres os creadores do festival DesOrdes Creativas e membros de Dios Ke Te Crew, Møu e Sokram, reflexionan sobre o paso do tempo, o recoñecido ilustrador porriñés Sr Reny executará unha obra gráfica con temática científica en directo.
PROGRAMA VENRES 5 DE XUÑO
O venres 5 de xuño concentrará o groso das actividades coa Feira Científica dos centros educativos. Ao longo de todo o día (de 10:00 a 13:30 h e de 17:00 a 20:00 h), dez colexios e institutos do municipio competirán nun concurso de proxectos científicos (categorías de -12 e +12 anos).
Outros fitos da xornada serán:
Ás 12:00 h, lectura do manifesto a cargo da Madriña de Acienciacerta.
Ás 17:30 h, Eloy Santos Pujol, investigador do Instituto Josep Carreras que participou no estudo da muller máis lonxeva do mundo (María Brañas), falará sobre epixenética.
Ás 18:15 h, a neurocientífica luguesa Sonia Villapol (desde o Texas Medical Center de Houston) ofrecerá a charla “Cerebro en modo ON”, enfocada en dar claves á mocidade sobre saúde mental, neurociencia e o coidado do cerebro.
Ás 19:15 h, espazo dedicado á Banda Deseñada coas autoras Inés Vázquez e Sandra Lodi (Premio Castelao 2024), que analizarán a eclosión do cómic feminino en Galicia e retos actuais do sector como a IA.
A mostra pecharase ás 20:00 h coa entrega de premios do Xurado e do Voto do Público.
A MADRIÑA
Susana Fernández Moreira
Este ano a Madriña de Acienciacerta é Susana Fernández Moreira, Licenciada en Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e porriñesa. Leva acompañando en Matemáticas, Física e Química a sucesivas xeracións de porriñesas e porriñeses dende o ano 1983. O papel que representa na ciencia, ten sido fundamental para centos de alumnas e alumnos que, posteriormente, e grazas a esta “fontaneira” da educación (así se considera ela, por desatascar tapóns de dúbidas), puideron emprender carreiras científicas ou simplemente dar un salto cualitativo no seu curso, ou no seu expediente, grazas a un traballo rigoroso, perseverante e eficaz, no enfoque destas materias. O seu perfil é dunha muller brillante que traballa na sombra sendo imprescindible para familias porriñesas de todo tipo. As súas clases de apoio durante décadas teñen salvado situacións académicas límite, e mesmo ten dado clases particulares a nais ou pais, fillas e fillos e mesmo netas e netos na mesma familia, polo que Acienciacerta neste 2026, onde o tema central será o paso do tempo, desexa visibilizar e, de paso, renderlle unha xusta homenaxe a unha figura, a mestra de clases de apoio, tan determinante para tantas persoas na etapa educativa e, sen embargo, tan pouco recoñecida pola sociedade.
O XURADO CIENTÍFICO
Este ano de novo haberá un Concurso de Proxectos Científicos dos centros educativos da vila. O concurso ten dúas categorías: -12 anos e +12 anos, e os premios serán decididos por un xurado científico, aínda que tamén existe un Premio do Voto do Público.
A composición deste xurado é a seguinte:
- Susana Fernández Moreira (Madriña de Honra e Xurado): Licenciada en Químicas e porriñesa. Desde 1983 foi a “fontaneira da educación”susana na sombra para xeracións de porriñeses en Matemáticas, Física e Química. A mostra rendelle homenaxe a esta figura clave para espertar vocacións científicas e salvar situacións académicas límite.
- Dra. Teresa Pérez Iglesias (Xurado Científico): Primeira catedrática universitaria do Porriño e Catedrática en Física pola UVigo. Experta en propiedades dieléctricas de materiais complexos e responsable das Olimpiadas de Física na Universidade de Vigo.
- Dr. Miguel Gil Coto (Xurado Científico): Doutor en Ciencias do Mar e científico titular no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. Foi xefe da Base Antártica Española Juan Carlos I e obtivo o Premio IG Nobel de Física en 2023.
A organización, o Concello do Porriño, xunto coa Asociación Cultural Acienciacerta, son quen fan posible que se celebre este evento. Unha mostra patrocinada, unha edición máis, por Zendal Group e, este ano, como novidade, pola Fundación “la Caixa” de CaixaBank. O histórico, internacional e punteiro grupo biofarmacéutico, tan vinculado á vila do Porriño, mantén a súa aposta decidida por avalar esta iniciativa de natureza científica, mentres que a Fundación “la Caixa” aposta por un evento que traballa pola integración, inclusión social e a diversidade, dentro e fóra da divulgación científica. Outra novidade deste ano é a xenerosa incorporación de AIMEN e CTAG como institucións colaboradoras con casetas na Feira Científica.


