Faladoiro: Aquí faltan páxinas. Juaniña

| Mércores 19 de novembro. 2025
| Ás 19:00 h
| Salón de plenos do Concello » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas

Aquí faltan páxinas: Juaniña

Organizan: Deputación de Pontevedra e Concello do Porriño


A terceira colección de Aquí Faltan Páxinas amplía a nosa xenealoxía de mulleres extraordinarias, coa adición de novas voces e historias que, malia seren esenciais para entender quen somos, quedaron á marxe do relato que se recolle nos libros. Neste percorrido detémonos en logros colectivos e vidas singulares, en pioneiras audaces e en grupos de mulleres anónimas que loitaron, resistiron e transformaron xuntas a realidade social para convertérense en referentes que hoxe nos inspiran.


Juana de la Cruz Domínguez

Aquí faltan páxinas: Juaniña

Coñecida no Porriño como Juaniña, amosou desde moi nova un talento natural para a costura e unha gran paixón polo mundo da moda, en especial polos deseños de alta costura das grandes firmas. Comezou con este labor cando tiña só 9 anos e aos 13 inaugurou o seu primeiro taller na casa familiar. Alí formou decenas de mozas que seguiron o seu ronsel como modistas e confeccionou deseños únicos para clientas de toda Galicia, incluídas réplicas de modelos icónicos coma os vestidos de noiva da raíña Fabiola ou Lady Di. Viviu a apertura política da Segunda República, o terror da Guerra Civil e as penurias da posguerra, pero nunca deixou de confeccionar marabillosas creacións, para as que atopaba inspiración nas revistas da época e nos grandes modistos coma Balenciaga, Chanel ou Christian Dior.

Collía o tranvía para comprar nas tendas de Vigo tecidos, fíos, botóns, abelorios ou cremalleiras, ata que se decatou de que podía facer algo máis de negocio complementando a súa actividade de modista coa venda destes materiais de costura. Ao longo de décadas, o seu taller foi un referente de creatividade, de onde saían pezas para días especiais que eran pura artesanía. Coñecida pola súa xenerosidade, cosía tamén para familias humildes sen cobrarlles, e vestiu desde noivas ata defuntos. Superou un cancro linfático sen deixar de coser e chegou mesmo a rematar un vestido de noiva desde o hospital. Xa centenaria, hoxe é unha muller querida e popular á que lle gusta participar nos eventos da vila. En 2023 foi madriña do Negrita Festival; en 2024, pregoeira das Festas do Cristo; e neste 2025, no día do seu centenario, o Concello homenaxeouna poñéndolle o seu nome a unha rúa situada moi preto do taller ao que continúa acudindo cada día. Juaniña é memoria viva do Porriño; a súa enerxía, o sentido do humor co que afronta a vida e a vontade de manterse activa e independente mentres poida fan dela un símbolo de vitalidade e un exemplo para todas nós.



Aquí faltan páxinas: Juaniña


Cabecera-web-ecultura.png