| Concurso: venres 5 de xuño. 2026

A finalidade desta mostra é a de poñer en valor e visibilizar, dun xeito decidido, o ámbito científico e as ciencias en xeral. Trátase, en definitiva, de achegar as ciencias á sociedade por medio de diversas accións e organizando unhas xornadas de divulgación científica e ocio, nas rúas do Porriño, na primeira semana de xuño. Nesta terceira edición, as xornadas serán do mércores 3 ao venres 5.
Con tal motivo optouse por organizar un concurso de proxectos científicos contando cos distintos centros educativos da vila. De xeito que se implicase a todo o estudantado e á comunidade educativa en xeral.
Bases
As bases do concurso teñen como finalidade establecer unhas normas e uns parámetros, que axuden a garantir unha boa organización dos grupos e uns estándares de calidade mínima.
- O concurso de proxectos científicos, organizado polas concellerías de Educación e Cultura do Concello do Porriño, está dirixido a estudantes de primaria, secundaria, bacharelato e educación especial.
- Participarán alumnas e alumnos en equipos, grupos ou aulas, con catro persoas en cada stand como representantes visibles de cada proxecto.
- Os equipos estarán sempre acompañados / representados por mestres/as do seu centro. Unha ou varias persoas adultas que será/n responsable/s do grupo e servirá/n de contacto coa organización do concurso (poden ser reemprazada/s, nalgún momento, por outra persoa adulta da ANPA dese mesmo centro).
- Os centros educativos exporán os seus proxectos un día: o venres 5, en horario de mañá e de tarde (10 – 13.30 h / 17 – 20 h). Ás 20 h pecharase o concurso e farase o reconto de voto do público. De xeito que ás 20.30 h do venres poida facerse a entrega dos 2 Premios do Voto do Xurado á Mellor Proxecto Científico 2026 Acienciacerta (para menores e para maiores de 12 anos), así como o Premio correspondente ao Voto do Público.
- A mostra albergará diferentes casetas ou stands identificables, nos que os colexios e institutos poderán presentar os prototipos científicos gañadores.
- A exhibición pública deses proxectos será sempre de xeito gratuíta e aberta a calquera persoa interesada.
- Establécense dúas categorías e niveis de participación no III Concurso de Proxectos Científicos 2026 Acienciacerta á que concorrerán todos os centros educativos. Dúas categorías que serán valoradas, no Voto do Xurado Científico, por idades: ata 12 anos e máis de 12 anos. Tamén haberá Voto do Público, onde se establece unha única categoría.
- Outorgarase un Premio a Mellor Proxecto Científico ata 12 anos que consiste nun trofeo e un Lote de Material Escolar. Outorgarase un Premio a Mellor Proxecto Científico de máis de 12 anos que consiste nun trofeo e un Lote de Libros de Ciencia. Serán concedidos como resultado da votación dun Xurado Científico. Dito xurado terá tres integrantes. A persoa elixida como Madriña da edición do certame e dúas persoas máis de contrastada solvencia académica e científica.
- Tamén será concedido un Premio do Público. Poderá votar, unha única vez, calquera persoa que o desexe, apuntando o seu nome, apelidos e DNI. O prazo para votar vai dende o inicio da feira científica, o venres 5 de xuño do 2026 as 10 h, ata o peche ás 20 h. Unha vez rematado o prazo, do resultado desta votación sairá o Premio do Público que consiste nun trofeo e un Lote de Cómics.
- A participación neste concurso obriga a aceptar a cesión de dereitos de imaxe de todos e todas as participantes, tanto menores como maiores de idade. Por iso, no momento da inscrición é necesario aportar documentos de cesión de dereitos de imaxe asinados. Ou ben polos e polas participantes (se son maiores de idade) ou ben polo pai/nai/titor dos/das menores.
- A participación no concurso supón a participación nos stands da mostra por parte das persoas compoñentes de cada equipo, cumprindo os horarios de apertura nos que se desenvolverá o evento, de xeito que a atención na caseta de cada grupo estea sempre cuberta por, ao menos, un/unha participante.
- A organización da mostra supervisará, co apoio dun comité científico, a idoneidade dos proxectos participantes. Coa finalidade de que cumpran uns certos criterios e estándares de calidade. Serán os que finalmente participen na Mostra Científica o día 5 de xuño do 2025, contando cada un deles cunha caseta propia.
- O traballo debe ser de recente elaboración e cumprir varias características:
· Orixinalidade e creatividade
· Calidade da proposta
· Mensaxe: preferentemente en lingua galega, e adecuada ao concepto ou idea representada
· Interese e curiosidade espertados co proxecto
· Utilidade e usabilidade do proxecto na sociedade
· Presentación correcta e actitude do grupo
· Accesibilidade, como factor imprescindible para a inclusión social e
exemplo de solidariedade no ámbito educativo
· Sostibilidade - Todos os proxectos deberán ir acompañados dun artigo científico (ferramenta fundamental da divulgación) que sosteña o seu traballo, cos seguintes apartados:
· Introdución
· Obxectivos
· Método
· Conclusións - O proxecto deberá ofrecer unha visión atractiva da ciencia, así como facilitar a súa comprensión por parte de alumnas/os e público non especializado, potenciando as posibilidades de alcance e
difusión do mesmo. - Os proxectos deberán sosterse sobre fenómenos, principios, conceptos e/ou teorías científicas de calquera ámbito. Sempre coa ciencia como raíz de todo.
- Todas e todos os integrantes de cada equipo representante dun centro, exhibirán no seu stand unha estola identificativa cun emblema (deseñado para a ocasión) da súa escola ou instituto.
- Os grupos gañadores faranse públicos ao final do evento.
- O xurado poderá declarar desertos os premios do certame. A participación neste concurso supón a plena aceptación das presentes bases e a conformidade coas decisións do xurado.
- A través da inscrición no concurso ponse a disposición dos/das participantes e os seus titores, os documentos de autorización de participación, cesión de dereitos de imaxe e aceptación de política de protección de datos. A participación no concurso supón a aceptación das bases.
Obxectivos
Algúns dos valores desta mostra de ciencias na rúa poderían ser aumentar o número de vocacións científicas, espertar o gusto pola cultura científica entre a poboación, amosar e estimular o aspecto lúdico da ciencia, establecer pontes entre docentes, institucións científicas, empresas e sociedade; fomentar a ciencia nos centros educativos, favorecer o coñecemento da ciencia sostible e responsable, e ofertar ás persoas participantes un xeito diferente de compartir coñecementos e ideas. A partir de aquí falaremos de obxectivos.
Pódense sinalar os seguintes obxectivos para este concurso de proxectos científicos:
- Desenvolver ideas innovadoras e útiles, que fagan que a sociedade poida sentirse máis atraída pola ciencia.
- Resaltar o carácter global da ciencia dende varios puntos de vista.
- Permitir ás/aos participantes o desenvolvemento de materiais de gran calidade científica, de maneira que sexan unha axuda para completar a súa formación e coñecementos no ámbito académico.
- Animar á docencia a xenerar interese pola ciencia de maneira activa para chegar ás/aos estudantes nas aulas.
- Facer transversal a transmisión dos contidos científicos.
- Amosar a importancia da ciencia para o progreso da sociedade e o benestar da mesma.
- Motivar ao alumnado, para fortalecer as vocacións científicas e incrementar os índices de emprendemento de itinerarios académicos nas ciencias.
- Promover e impulsar, no alumnado feminino, o amor polas ciencias, para favorecer a escolla de carreiras científicas, e así loitar contra a brecha de xénero que existe na maioría das disciplinas e estudos superiores científicos.
- Visibilizar dun xeito positivo e de prosperidade, a todo o colectivo científico, así como ás individualidades que, nos distintos niveis académicos dos centros educativos demostran o seu interese polas ciencias.

