| Xoves 27 de decembro. 2018
| Ás 18:00 h.
| Biblioteca Municipal do Porriño » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar aforo
Un espectáculo da compañía Tanxarina.
Este é un espectáculo tolo, onde tres tolos titiriteiros presentan unha tolería de representación para escenificar dous contos escollidos da literatura máis universal e contemporánea. Monecos das máis diversas técnicas contan historias que falan de cousas de agora mesmo, con todo o sabor dos contos tradicionais: unha guerra, un trasno, o antimilitarismo, o valor da amizade, tres portas e un concurso, sapos e mariñeiros… e unha chea de sorpresas. Dúas historias relatadas con animacións diversas e traballo de actores, nun divertido e permanente xogo escenográfico cheo de gags imaxinativos e situacións cómicas.
A compañía TANXARINA TITERES foi fundada no ano 1.983, por varios ex-alumnos de Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas de fíos do Institut del Teatre de Barcelona, e tamén outros profesionais galegos do teatro infantil e xuvenil . Dende entón converteuse nunha das formacións mais recoñecidas e prestixiosas do teatro de títeres galego tanto dentro como fora de Galicia.
Dedícase prioritariamente á produción e distribución de espectáculos dirixidos a todo tipo de públicos: infantil, xuvenil e familiar; onde se combinan diversas técnicas de animación de monecos có traballo actoral dos propios manipuladores.
Marionetas de fíos, títeres de luva, de variñas, sombras chinas , bunrakus e outros gañan así en forza expresiva e comicidade. Esa relación escénica entre títeres e actores vén sendo unha das señas de identidade da compañía dende os seus primeiros espectáculos.
TANXARINA TÍTERES ten presentado os seus traballos nos máis importantes Festivais de teatro de títeres: Segovia, Valencia, Barcelona, Madrid, Murcia, Bilbao, Alicante, Sevilla… Moitas son as cidades visitadas polos seus monecos que tamén pasearon por Portugal, Grecia, Austria, Bélgica, Francia, Italia, El Salvador, Costa Rica, Nicaragua, Venezuela, Cuba, Colombia, Arxentina, Brasil, Guatemala, México…