| Sábado 10 de xullo. 2021
| De 17:00 a 21:00 h.
| Praza de San Sebastián Centro Cultural Municipal » ver mapa
| Inscricións do 3 de xuño ao 3 de xullo
Evento incluído na programación das festas de San Bieito 2021
Organizan: Concellería de Festexos | OMIX do Porriño
“Breaking Battle Porriño” é unha competición/encontro de Breaking que terá lugar o sábado 10 de xullo de 2021 en horario de 17:00 a 21:00 horas no Auditorio Exterior do Centro Cultural Municipal do Porriño, onde se instalará unha pista de baile específica para a práctica desta disciplina ademais dun espazo de quecemento para os participantes e cadeiras para que o público poida asistir e gozar deste singular evento que irá acompañado de música en directo pinchada por un Dj.
Este evento contará cun único formato 1vs1 (individual) e con 2 categorías de participación; unha de “Kids” dirixida a idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos e outra “Absoluta” para participantes maiores de 18 anos.
A organización do evento contará cos protocolos e medidas de control de aforo axeitadas para garantir a seguridade en todo momento, tanto dos participantes como do público asistente.
Os principais obxectivos desta actividade son; apoiar a diversidade no ámbito da cultura, do deporte e do lecer, promover a práctica do Breaking como hábito que mellora a calidade de vida da mocidade a nivel corporal, mental e social e facilitar un punto de encontro entre mozas e mozos, promovendo valores de respecto e solidariedade a través da experiencia competitiva.
A disciplina
O Breaking é un tipo de danza orixinaria da cultura “Hip Hop” de finais dos anos 70, caracterizada por ter un alto compoñente acrobático e por desenvolver a maior parte das súas técnicas preto do chan. Durante os seguintes 40 anos, o Breaking progresou desde as súas raíces no Bronx a unha forma de arte cultural recoñecido internacionalmente, incluíndo elementos de todo tipo de danzas e movementos atléticos propios da ximnasia ou das artes marciais. A mediados da década de 1980, o Breaking converteuse nun fenómeno mundial cunha ampla cobertura por parte dos medios de comunicación que achegaron esta cultura a nosa comunidade. Desta forma o Breaking empeza a estar presente nas nosas rúas. A medida que chegaba a década de 1990, o Breaking mantense vivo no campo de danza e o teatro, dando paso uns anos máis tarde a unha nova etapa de competicións xulgadas dando lugar ao que coñecemos como “Batallas de Breaking” (Breaking Battles).
En resumo, o Breaking converteuse nun medio de expresión artística de carácter cultural e mundial que inclúe elementos deportivos, dando así a súa natureza atlética, feito que conduciu ao Comité Olímpico Internacional (COI), a recoñecer o Breaking como deporte olímpico con debut nos Xogos Olímpicos de París 2024.
Inscrición
A inscrición para participar é de balde e poderá formalizarse enviando un correo cos seguintes datos a info@vellaescola.com, indicando os seguintes datos:
- Nome e Apelidos
- Dni
- Data de nacemento
- Localidade
- Correo electrónico
- Número de teléfono
- Nome artístico (AKA)
- Asunto: Inscrición Breaking Battle Porriño
O prazo de inscrición é do 3 de xuño ao 3 de xullo.
Resultados
- 1º Posto da categoría absoluta (+18 anos): Bboy Serlli (Santiago de Compostela)
- 2º Posto da categoría absoluta (+18 anos): Bboy Artur (Santiago de Compostela)
- 3º Posto da categoría absoluta (+18 anos): Lil Rays (O Carballiño)
- 1º Posto da categoría kids (-18 anos): Bboy Guizmou (O Carballiño)
- 2º Posto da categoría kids (-18 anos): Bboy Amor (Neda)
- 3º Posto da categoría kids (-18 anos): Bgirl MiniAli (Ourense)
Destácase a gran afluencia de público completando o aforo permitido que gozou acompañado de música en directo pinchada por Dj Cro, de Santiago de Compostela, desta 1º competición/encontro de Breaking no Porriño.
Foron recollidas un total de 40 acreditacións, donde cada inscrito participou nun único formato 1vs1 (individual) distribuido en 2 categorías de participación, unha de “Kids” dirixida a idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos e outra “Absoluta” para participantes maiores de 18 anos.