Campo Internacional de Voluntariado “Ruta de Palacios”

| Do 27 de xullo ao 6 de agosto. 2022
Campo Internacional de Voluntariado "Ruta de Palacios"

O verán que queres contar. Campamentos de voluntariado 2022 da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
Concellería de Cultura – Concellería de Educación – OMIX do Porriño


O Campo de Voluntariado “Ruta de Palacios” é unha actividade dirixida a 15 participantes de entre 18 e 30 anos, chegados de distintos países e comunidades autónomas que, durante 12 días, do 27 de xullo ao 6 de agosto de 2022, convivirán no Porriño co obxectivo de achegarse á obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios Ramilo.

Os participantes percorrerán e retratarán as obras deste arquitecto, coa finalidade de crear unha ruta polos distintos edificios, templos e monumentos que nos deixou como legado, tanto no seu Porriño natal coma na contorna (Baiona, Mondariz, Carballiño, Panxón, Vigo…) e traballarán nunha curtametraxe con vídeos divulgativos en 3 idiomas, na que plasmarán todo o traballo realizado durante a súa estancia.

Posteriormente divulgaranse os froitos do seu traballo a través das canles das que dispón o Concello (páxina web, redes sociais….) , para que visitantes, peregrinos/as e todo tipo de público interesado no tema poida ter máis información sobre un dos arquitectos senlleiros do século pasado.

Esta actividade é un dos campos de voluntariado que figuran como novidades dentro da Campaña de Verán “O verán que queres contar” da Xunta de Galicia que, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, busca fomentar os valores do voluntariado entre a xuventude, como a intercooperación e posta en valor do patrimonio, neste caso arquitectónico/artístico.

O programa inclúe, tamén, un amplo abano de actividades de lecer, obradoiros (como o de introdución ao manexo de drons e á fotografía arquitectónica) e excursións para que as persoas voluntarias, chegadas dende distintos puntos, poidan coñecer O Porriño, o Val da Louriña, incluso a Illa de San Simón, Vila Nova da Cerveira ou as Pozas de Melón.

Na cooperativa de lecer educativo Avada recae a autoría do proxecto, o deseño do programa e o equipo de tempo libre, mentres que a parte técnica será coordinada polo arquitecto e fotógrafo David Torral.


Cabecera-web-ecultura.png