Celebración da Festa dos Maios 2021

| Domingo 2 de maio. 2021
| Ás 12:30 h.
Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa
| Actuación das Fonteliño e maio elaborado por ACEESCA

Celebración da Festa dos Maios 2021


Celebración da Festa dos Maios no Porriño coas actuación das Fonteliño e maio elaborado por ACEESCA.


Fonteliño

O grupo Fonteliño naceu a final do ano 2002, logo dun curso de pandeiretas celebrado no Círculo Recreativo Cultural do Porriño e impartido por Ana Senlle.

Inicialmente o grupo formouse con dez compoñentes que en pouco tempo chegaron a trece. No ano 2006 fundaron a Asociación Grupo Fonteliño, coa idea de promover a música tradicional galega a través das voces e de todo tipo de percusións.

Daquela comezaron tamén a participar en seráns e en festas populares da contorna. As primeiras actuacións foron no Círculo Recreativo Cultural e en varios centros culturais parroquiais do Porriño, no Centro Cultural de Cedeira, en Redondela, e no Asilo de Tui.

No mes de xullo de 2010 gravaron o seu primeiro CD, no salón do Café Liceum, que se presentou no Nadal dese mesmo ano. Tamén nese mes foron presentalo á Radio Galega e ao programa “A Solaina”, da TVG.

En xaneiro de 2011 actuaron no programa Luar da TVG, e en outubro dese ano gravaron o programa ALALÁ polo paseo do río Louro no Porriño, e na Casa Lago de Pereiras, Mos. Ademais actuaron tamén no Gran Hotel Mondariz, na sala Liberty de Ponteareas, e en varios centros culturais e asociacións de concellos do Baixo Miño e o Val Miñor.

Durante todos estes anos continuaron cos ensaios e as actuacións por diversos lugares da bisbarra, e coa participación en distintos eventos festivos e seráns, mais será en 2018 cando volvan darlle un novo pulo ao grupo coa gravación do seu segundo CD: Rueiras, que presentan en decembro dese ano.

Neste novo traballo Fonteliño amosa a súa evolución en canto a repertorio e instrumentación, e dá a benvida a novas incorporacións. Únense ao grupo: Fernan, que arroupa o conxunto coa mestría do seu acordeón; e a nova voz de Eva, que interpreta como solista moitas pezas deste disco.

Neste traballo vai parte da súa memoria musical, que gardan dende nenas coma ouro en pano. Mostra disto son pezas como “La Lechera”, coa que Luisa, coas súas 85 primaveras, consegue emocionar sempre; ou “Cantigas de Rande”, que lembra Chola de cando a cantaban polas rúas de Redondela, e que interpreta ela mesma coa súa fermosa voz.

Ademais quixeron homenaxear ao gran compositor porriñés, Antonio Paz Valverde, incluíndo dúas fermosas melodías da súa autoría: “María Soliña” e “Solo quedeime”, que interpreta canda elas Uxía Senlle.

Despois da estrea presentaron o seu traballo no programa Lume na palleira da Radio Galega e no programa Luar da TVG, en xaneiro de 2019.

Continuaron con diferentes concertos e presentacións que tiveron como fito sinalado a participación no concerto de Susana Seivane no Porriño, en maio de 2019, no que actuaron abrindo o concerto e interpretaron conxuntamente dúas pezas coa gran gaiteira e a súa banda.

Na actualidade Fonteliño está integrado por oito compoñentes (Paz, Mari Carmen, Mª Luisa, Eva, Paca, Chola, Lores e Adela), dirixidas por Ana Senlle, e coa colaboración especial do acordeonista Fernando Pernas.



Celebración da Festa dos Maios 2021


Cabecera-web-ecultura.png