| Xoves 20 de marzo. 2025
| Ás 19:30 h
| Centro Cultural Municipal » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas
Un recital multimedia de Silvia Penas e Samuel Merino, para conmemorar o Día da Poesía 2025
De rota raposa é unha sorte de manifesto antiespecista, antipatriarcal e deliberadamente irracional para que a reflexión logocéntrica se manteña na beira do camiño e facer das marxes unha rota alternativa, cando non principal. Pel e palabra fúndense e confúndense como o fan o poema e o corpo neste recital que é unha peza escénica pero que é un recital pero que é unha peza escénica. Partindo da súa obra poética, Samuel Merino e Silvia Penas constrúen un universo conxunto, creado específicamente para abrirlle outros camiños á palabra e á voz, un lugar de brillo para a cicatriz ou un espazo sen lindes no que permanecer fóra de perigo, mais sen ser alleas á atrocidade na que vivimos inmersas.
A poesía vólvese, en De rota raposa, unha arma crítica e un reducto dende o que contemplar a beleza e convertela nun estandarte de reivindicación.
Samuel Merino
Samuel Merino, Mos (Pontevedra, 1982), é un creador que desenvolve o seu labor arredor dunha poética que leveda na súa formación filosófica (Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela) e mais na súa formación e experiencia no eido das artes escénicas.
As súas obras, de marcado carácter reflexivo, adoitan tomar corpo na oralidade secundaria dos recitais e en breves presentacións que transitan os camiños do teatro e a performance. Tal é o caso de Mudar a pel (2018) e Vida útil da porcelana – en cocreación coa poeta Silvia Penas (2023) – que vén de gañar o II Premio Pezas dun Teatro do Porvir. Galiza-Portugal.
Seguindo esta liña, entre a súa obra literaria publicada, destacan:
- Guantanamera. Poema nun só acto (Editora Urutau. 2021)
- Con esta hoz / Con esta fouce (Disbauxa Editorial. 2023)
- Claustro Corda Comensal (Editorial Galaxia. 2023)
Participa desde hai anos en diversos programas de divulgación da lingua galega e recitais en diversos centros de educación secundaria e clubs de lectura en toda Galiza, así como en varios festivais de poesía e artes escénicas como:
- Festival de Teatro Vigo en Bruto (Vigo, 2018)
- Non quero rosas. Festival de Música e Artes Loro Facu (Miño- A Coruña, 2019)
- Festival Internacional de Poesía Irreconciliables (Málaga, 2020)
- Festival Internacional de Artes BINNAR – canda ao Colectivo Límites – (Vila Nova de Famalicão. Portugal, 2021)
- Non quero rosas. Festival de Música e Artes Loro Facu (Miño- A Coruña, 2021)
- Festival de Poesía Performática Poesía enRiba (Ourense, 2021)
- Imos ter máis que palabras. Festival de Arte e Poesía Explícita (Ourense, 2021)
- Imos ter máis que palabras. Festival de Arte e Poesía Explícita (Ourense, 2022)
- Festival USCénica – canda ao Colectivo Límites – (Santiago de Compostela, 2022)
- Intervención no Curso de Literatura galega do século XXI: poesía e teatro da Faculdade Filosofia, Letras e Ciências Humanas da Universidade de São Paulo (2023)
- Non quero rosas. Festival Loro Facu (Miño- A Coruña, 2023)
- Contenedor Cultural UMA Universidad de Málaga (Málaga, 2023)
- Festival de Poesía Alguén que respira (Santiago de Compostela, 2024)
- Programa #EnRedandocogalego (Lugo, 2024)
- Versos na Barraca (Lugo, 2024)
- Poemagosto (Allariz, 2024)
Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey XIII ed. (2025) pola súa obra Manual de Camuflaxe.
Silvia Penas
Silvia Penas (Vigo, 1980), poeta e performer. O seu traballo ten como punto de partida a creación de textos, cunha forte vocación de indagar na poesía escénica e outros formatos de poesía efémera e expandida, de incorporar a palabra poética ao corpo a través da voz. Investiga noutros modos de dicir o poema, confiando en que ese “dicir” conteña unha capacidade mobilizadora cara á acción e á reflexión.
Comeza a súa andadura poética no colectivo Redes Escarlata. Despois de gañar algúns premios e accésits con series de poemas, publica por primeira vez un libro no ano 2010 cando sae á luz o poemario Biografía da multitude, creado en coautoría con Elvira Riveiro, co que obtiveron o Premio Victoriano Taibo. Máis tarde aparecerá As uñas crecen, poemario gañador do certame Manuel Lueiro Rey de Poesía ao que lle segue Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, Premio de Poesía Avelina Valladares. Fronteira Paraíso é o seguinte poemario, artefacto que contén fotografías de Jesús Andrés Tejada e un disco homónimo a cargo de Cintaadhesiva.
Posteriormente aparece en lingua portuguesa o libro de poemas O resto é céu. O poemario Retratos de vodas, partos e funerais foi galardoado co Premio Follas novas 2024 ao mellor libro de poesía publicado en galego do ano 2023 e o premio Aritmar (Galiza e Portugal) ao mellor poema por “Canto segundo para un fillo non nado” incluído no mesmo libro. Tamén no 2024 graña o Premio de Poesía do Concello de Carral pola súa obra A pel do exilio.
No ámbito da poesía expandida cabe destacar a formación anteriormente citada Cintaadhesiva (poesía, música e electrónica e videoarte), da cal é cocreadora, xunto ao músico e videocreador Jesús Andrés Tejada.
Participou na elaboración colectiva da peza teatral Sofía e as Postsocráticas da compañía Inversa Teatro, onde se inclúen textos da súa autoría e é actriz principal.
Ao longo dos últimos anos ten realizado proxectos escénicos e poéticos en solitario e tamén colaborativos como membro do Colectivo Límites, coa Orquesta Clásica de Vigo, e con outras entidades e formacións.