| Venres 21 de febreiro. 2025
| A partir das 11:00 h
| Praza do Cristo » ver mapa
Organizan: EDLG (Equipos de Dinamización da Lingua Galega). IES Pino Manso / IES Ribeira do Louro / CPR Santo Tomás / CPR Hermanos Quiroga
Colabora: Concello do Porriño
O Concello e a comunidade escolar celebran o 188 aniversario do nacemento da escritora cun programa de actividades o vindeiro venres na Praza do Cristo.
O domingo 23 de febreiro conmemórase o nacemento de Rosalía de Castro e no Porriño, un ano máis, organízase un programa de actos para festexar o 188 aniversario desta escritora que amou sen complexos a súa terra.
As concellerías de Cultura e de Normalización Lingüística, que dirixen Bienvenido Estévez e Carolina González, respectivamente, e a Xunta de Galicia colaboran por terceiro ano consecutivo coas actividades que organizan con tal motivo os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro e os colexios Santo Tomás e Hermanos Quiroga.
Inspirado nun dos poemas da propia Rosalía, “Miña casiña meu lar”, o programa homenaxe leva por nome “Caldo de Gloria” e celebrarase o venres 21 de febreiro, a partir das 11:00 h, na praza do Cristo. Trala presentación da actividade procederase á lectura de manifestos por parte do alumnado e posterior recitais poéticos dos centros. Cara ao mediodía Laura canta “Caldo de Gloria”, o mesmo que se poderá degustar deseguido, elaborado polos hostaleiros do Porriño, un símbolo do “Caldo de Gloria” rosaliano que lembra que “con case nada, somos quen de sobrevivir e ademais ser felices, que é o máis importante”, apuntan dende a organización que remarcan a finalidade desta actividade como homenaxe ao labor feito nas Letras Galegas por Rosalía de Castro e co obxectivo tamén de dinamizar e prestixiar o uso da lingua galega, non só a través da poesía senón tamén mediante a música. Neste senso, o acto estará amenizado polo cantante, bailador e presentador televisión Xisco Feijoó, que lle achegará ao escolares a música tradicional galega a través do canto e dos instrumentos.
Cronograma do evento Caldo de Gloria
- 11:00 h. Presentación da actividade
- 11:10 h. Lectura de manifestos
- 11:15 h. Recitais poéticos dos centros
- 11:50 h. Laura canta Caldo de Gloria
- 12:00 h. Degustación do Caldo de Gloria e tempo de convivencia
- 12:30 h. Peche da actividade