Celebración do Día Internacional da Danza 2021

| Venres 30 de abril. 2021
| Ás 20:00 h.
Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Celebración do Día Internacional da Danza 2021

Celebración do día Internacional da Danza, co espectáculo “Non hai que ser unha casa para ter pantasmas”, da compañía Pálido·domingo


En 1982, por iniciativa do Comité Internacional de Danza, foi proclamado pola UNESCO o 29 de abril como Día Internacional da Danza. A data escollida corresponde ao nacemento do bailarín e coreógrafo Jean-Georges Noverre.


JEAN-GEORGES NOVERRE

Foi un bailarín francés que naceu o 29 de abril de 1727. Noverre, foi un gran bailarín e escritor, deixou numerosas coreografías e publicacións relacionadas coa práctica e a teoría do ballet, de aí que sexa considerado o creador do ballet moderno.

Debutou ante a corte de Luís XV en Fontainebleau en 1742, logo sería invitado polo príncipe de Prusia a Berlín. Ao regresar a París, uniríase ao ballet da Opéra-Comique e despois iría a Estrasburgo e Lyon, onde bailaría ata 1794.

En 1754 compuxo a coreografía do seu primeiro ballet Fêteschinoises (Os festivais chineses). Máis tarde sería profesor de danza na corte de Marie Antoinette e mestre do ballet da Ópera. Morreu en 1810 en Saint-Germain-en-Laye, Francia.


Pálido·domingo

Pálido Domingo

Pálido·domingo é unha compañía emerxente que ten como obxectivo afondar na linguaxe do corpo a partir da investigación e profundamento nas técnicas interpretativas e de adestramento físico ligadas ao Aikido como método, e sempre en comunicación coa Danza Contemporánea e o Teatro Físico.

A comezos do verán de 2016, Belén, Fran e Diego comezaron o seu proxecto xuntos que bautizaron co nome de prácido·domingo, co obxectivo principal profundar na linguaxe do corpo a partir da investigación nas técnicas interpretativas de adestramento físico ligadas ao Aikido, a danza contemporánea e ao teatro físico.

Este proxecto basea a súa actividade en dúas liñas de traballo fundamentais: a artística, por medio da creación e distribución de espectáculos no ámbito da creación contemporánea, e pedagóxica, impartindo cursos destinados á formación de creadores e creadoras vinculados á danza, ao teatro e ás artes do movemento.

Baixo este nome firmaron e deron a luz o seu primeiro proxecto escénico Non hai que ser una casa para ter pantasmas, estreado en decembro de 2017 no teatro Ensalle de Vigo. Foi recoñecido co 1º premio Xuventude Crea 2017 e co Premio da Crítica no 32º Certamen Coreográfico de Madrid 2018, e participou en festivais como CortoIndanza (Cerdeña), Corpo[a]Terra (Ourense) ou Migrats en Breu (Valencia) e en espazos como Sala Inestable (Valencia), Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) ou Teatro Pradillo (Madrid).

Agora, e sendo conscientes e críticas co momento actual no que vivimos, e porque non son sempre as mesmas persoas, encaran esta nova etapa rebautizadas como pálido·domingo. Sempre camiñando cara diante. Sempre na procura da luz.


Non hai que ser unha casa para ter pantasmas

“Non hai que ser unha casa para ter pantasmas” é un espectáculo de creación escénica contemporánea baseado en dous eixos fundamentais: o Aikido (arte marcial xaponés) e a danza contemporánea, complementados con outras técnicas corporais como o teatro físico e a danza Butoh, esta úlima tamén de orixe xaponesa. Interésanos experimentar como absorber, desde unha fisicalidad occidental, algúns preceptos físicos orientais sendo conscientes desta diferenciación cultural e investigando como facela nosa. Cada unha destas disciplinas deixa a súa pegada na peza, sempre ao servizo do que esta creación necesita para devolver á vida as nosas pantasmas durmidas.

Toman como punto de partida o concepto físico de resiliencia, entendido este como a capacidade dun corpo ou materia para recuperar o seu estado inicial unha vez cesada a perturbación á que estaba sometido. Para isto apostan por unha posta en escena que busque e reivindique o valor dos pequenos detalles, partindo do corpo como canle expresiva e comunicativa.


Pálido Domingo

Pálido Domingo


Cabecera-web-ecultura.png