Certame Tes Talento? 2026

| Semifinal o sábado 3 de outubro, ás 19:00 h
| Final o domingo 4 de outubro, ás 17:00 h
| Praza 8 de Marzo » ver mapa
| Inscricións ata o 27 de setembro. 2026
| Rexistro Xeral do Concello do Porriño ou de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño
Certame Tes Talento? 2026

O Concello do Porriño convoca o Concurso de Novos Talentos Musicais Val da Louriña. Tes talento?, configúrase como un concurso musical dirixido ao descubrimento de novos talentos cuxo fin derradeiro é o de darse a coñecer en todos os seus ámbitos, impulsar actividades culturais no Concello do Porriño, así como promover músicos/as emerxentes nun concurso musical estruturado en varios concertos en directo.

Este concurso está dirixido a artistas afeccionados que desenvolven a súa vocación musical en España, en distintos estilos musicais.

As bases rexerán a participación e concesión de premios para aquelas persoas que se presenten ao Concurso Novos Talentos Musicais Val da Louriña 2026. Tes Talento?


Participantes

Poderán participar neste concurso todas aquelas persoas que o desexen, con límite de idade:

  • Na modalidade infantil, ata os 15 anos inclusive
  • Na modalidade de adultos/as, de 16 anos en diante

Poderán presentarse grupos musicais nas dúas modalidades.


Inscricións

O prazo de inscrición será dende o día seguinte á publicación destas bases no taboleiro de anuncios municipal e rematará o día 27 de setembro de 2026 ás 14 h, ambos os dous incluídos.

As inscricións poderán presentarse de modo presencial no Rexistro Xeral do Concello do Porriño (de luns a venres de 9 a 14 h.) ou de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante impreso normalizado que se poderá descargar nesta web (máis abaixo).

Achegarase a seguinte documentación, debidamente cuberta e asinada:

  • A solicitude de inscrición, que figura como ANEXO I.
  • A autorización para a participación de menores no Concurso, ANEXO II.

Datas de realización

O concurso desenvolverase no Concello do Porriño e quedará fixado nunha fase preliminar (pechada ao público) será a organización a encargada de contactar cos participantes.

A semifinal, celebrarase o día 3 de outubro, na praza 8 de Marzo.

A final será o día 4 de outubro, ás 18 h na praza 8 de Marzo.


Requisitos de actuación

Instrumentación / Backline
De cara á planificación dos concertos, a organización achegará toda a instrumentación ou backline necesaria para a súa realización.

Todos os/as artistas participarán coas mesmas condicións (mesmo espazo, instrumentos…), polo que o resultado dependerá da súa actuación e calidade persoal.

O tempo de actuación será de tres minutos como máximo.
É obrigatorio levar unha copia da base musical segundo indique a organización.

A temática e o idioma son libres, así coma o estilo musical escollido.
Non poderán participar, quedando automaticamente excluídas, aquelas persoas concursantes que utilicen cancións con termos vulgares, ou intimidatorios, de carácter racista ou discriminatorio.


Xurado

O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios, e composto por unha serie de membros en número impar.

O veredicto do xurado será definitivo e os competidores aceptarán esta decisión. A votación e as decisións do xurado son inapelables.


Premios

Os premios establecidos pola organización son os seguintes:

Persoas Adultas:

  • Primeiro premio: 1.000 € e a produción dun tema propio valorado en 600 €.
  • Segundo premio: 400 €.
  • Terceiro premio: 250 €.

Infantís:

  • Para os/as tres finalistas clasificados/as: un lote de produtos escolares e un trofeo.

Os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar.


Observacións xerais

Calquera aspecto da organización e/ou competición que non estea recollido nos apartados anteriores será resolto polo comité de organización.

O Concello do Porriño resérvase o dereito de modificar, se fose necesario, o desenvolvemento, o lugar, a data e a hora das actuacións.

En caso de non chegar a un número mínimo de participantes, a organización resérvase o dereito á cancelación do concurso.

O incumprimento de calquera dos apartados das presentes bases leva implícita a perda dos premios e os títulos que lle puidesen corresponder.

A participación no concurso supón a aceptación expresa e sen reservas das presentes bases. O incumprimento das bases por parte das persoas participantes determinará a súa inmediata descualificación.


Botón descarga as bases do concurso

Botón descarga anexo I

Botón descarga anexo II



Cartel Festas do Cristo2026