| Venres 8 de abril. 2022
| Ás 18:30 h
| Centro Cultural Municipal » ver mapa
Xornadas para familias e profesionais. Organiza: Biblioteca Municipal do Porriño
Nestas xornadas organizadas desde a Concellería de Cultura e Igualdade do Porriño, a través da biblioteca municipal, abordarase, desde diferentes puntos de vista, como podemos favorecer o correcto desenvolvemento das nosas fillas e fillos desde que nacen e na súa primeira etapa infantil, para favorecer unha vida adulta máis saudable e enriquecedora.
Desde diferentes perspectivas profesionais, trataranse varios temas de suma importancia para o desenvolvemento infantil, que funcionan como termómetros para avalialo: a linguaxe, o psicomotricidade, as emocións ou a visión, entre outros.
Ofrecerase valiosa información que, desde o coñecemento científico actual, permita acompañar esta etapa primordial, onde se asentan as bases do equilibrio vital e así saber afrontar os diferentes retos na vida adulta.
Grazas á neurociencia, sabemos que ter unhas persoas coidadoras de referencia e un variado número de experiencias sensoriais, brindaralle ás cativas e aos cativos as oportunidades para acadar un bo desenvolvemento na procura do seu máximo potencial.
Todo isto, exposto desde a sinxeleza das experiencias vitais que nos ofrece o día a día e coa atención posta nos detalles importantes, que a miúdo pasan desapercibidos polo remuíño de ofertas e o ritmo estresante ao que estamos expostas/os.
Unha oportunidade única para saber do desafío que supón o desenvolvemento do cerebro infantil e cal é o noso papel como persoas coidadoras; como as figuras referentes ou as persoas que atendemos as súas necesidades en momentos puntuais. O xeito de comunicármonos coas crianzas tamén as condiciona.
4ª Xornada: O xogo a través dos sentidos
Venres 8 de abril. Ás 18:30 h
Unha precisa e axeitada integración sensorial senta as bases para a percepción e o movemento, a regulación e o dominio dunha gran cantidade de habilidades para a vida. Nesta xornada aprenderemos como fomentar, a través do xogo, un bo procesamento sensorial nas nosas crianzas, fundamental para a aprendizaxe e a saúde ao longo do seu desenvolvemento.
Mari Carmen Vaqueiro Álvarez (relatora)
Terapeuta ocupacional especializada en infancia e en integración sensorial pola Universidade do Sur de California. Está en continua formación en áreas que enfocan un modelo transdisciplinario. Apaixonada da natureza e dos seus beneficios, fundou un centro de estimulación innovador no Porriño, Inquedanzas, onde actualmente dirixe un equipo multidisciplinario de profesionais e no que acompaña ás crianzas e ás familias.
O ciclo de charlas “Acompañando na aventura de crecer” desenvolverase ao longo dos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio e xuño. Xa o sabes, garda na túa axenda o segundo venres de cada mes do primeiro semestre de 2022. Non o esquezas, ás 18:30 h no Centro Cultural Municipal.
- 1ª Xornada. Xaneiro: Impacto das pantallas no desenvolvemento cognitivo. Relatora: María Couso Barja [ver]
- 2ª Xornada. Febreiro: Entende como crece. Relatora: Vanesa Gómez Gándara [ver]
- 3ª Xornada. Marzo: Aprende a ver como ve. Relatora: Antía Blanco Bernárdez [ver]
- 4º Xornada. Abril: O xogo a través dos sentidos. Relatora: Mari Carmen Vaqueiro Álvarez
- 5ª Xornada. Maio: Imos querernos ben!. Relatora: Vanessa Cortegoso Díaz [ver]
- 6ª Xornada. Xuño: Desde lactar ata falar, todo un camiño de comunicación. Relatora: Eva López Domínguez [ver]
Laura Alonso Coto (coordinadora das charlas)
Óptica-optometrista con formación de posgrao en Optometría Clínica e Terapia Visual. Ampla e continua formación no ámbito do desenvolvemento infantil, así como asistente e relatora en diferentes cursos do ámbito nacional e internacional.
Socia clínica de SIODEC (Sociedade Internacional de Optometría do Desenvolvemento e o Comportamento) e socia voluntaria de “Abre sus Ojos”, con quen colabora nos programas de avaliación a pacientes con discapacidade intelectual e necesidades visuais.
Actualmente, traballa como profesora impartindo cursos para optometristas coa “Asociación Española de Optometristas Unidos” e dirixe a súa propia consulta de optometría na clínica “Sastre & Rojo” (Vigo).
Descarga o programa das charlas [ PDF ]
Centro de Interese Crianza da Biblioteca Municipal [ ligazón externa ]
Biblioteca Municipal do Porriño [ ligazón externa ]