Ciclo de Música Medieval en Camiño, con Esperanza Mara

| Martes 6 de xullo. 2021
| Ás 20:00 h.
| Igrexa San Rosendo de Torneiros » ver mapa
| Venres 9 de xullo. 2021
| Ás 20:45 h.
| Capela San Bieito do Porriño » ver mapa
| Venres 16 de xullo. 2021
| Ás 20:45 h.
| Igrexa San Estevo de Cans » ver mapa
| Domingo 18 de xullo. 2021
| Ás 13:00 h.
| Capela San Campio de Pontellas » ver mapa
| Aforamento limitado
| Inscricións nos 5 días previos a cada recital, a través do correo: reservasmusicamedieval@gmail.com

Ciclo de Música Medieval en Camiño con Esperanza Mara

Incluído no programa “A Cultura viaxa ás parroquias”.

Unha peregrinación pola historia e pola música

Música Medieval en Camiño xorde da necesidade dunha posta en valor do patrimonio cultural, literario e musical. Nesta proposta, as cantigas medievais preséntanse como medio de divulgación a través do cal dinamizar espazos e redescurbrir a lingua galega propia da orixe do Camiño, servíndose deste como vínculo entre turismo e historia local.


Inscricións para a asistencia

Nos 5 días previos a cada recital, as persoas asistentes terán que enviar un correo electrónico ao enderezo reservasmusicamedieval@gmail.com indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto para facer reserva dunha cadeira o día do evento, levando control do aforamento e poder contactar en caso de que xurda algún gromo da Covid-19.

No caso de non completarse aforamento coas reservas enviadas ao correo electrónico, completarase coas persoas que se acheguen o día do evento, recollendo igualmente os datos de nome, apelido e teléfono de contacto.


Obxectivos

Este proxecto pretende dinamizar e crear un turismo cultural de calidade, fornecendo a historia do lugar, a música da consolidación do Camiño, a lingua galega e lírico galaicoportuguesa como medio de expresión, así como a reivindicación do papel da muller na música (é no século XXI cando pode ser unha muller a que crea e interpreta este proxecto).

  • posta en valor do patrimonio cultural (lingua, música, arquitectura…)
  • divulgación sobre a historia local
  • dinamización de espazos públicos
  • alternativa lúdico-educativa
  • a muller como trobadora

Formato

A proposta de Música Medieval en Camiño comprende manifestacións artísticas escénicas musicais en forma de un concertos didácticos que se realizarán en distintos lugares emblemáticos da localidade, configurando así un percorrido pola música e pola historia.

Através dun modelo de concerto comentado, o público descubrirá a nosa historia vinculada ao Camiño a través da música e das explicacións. Cada concerto realizarase nun único espazo e confórmano dúas partes: explicativa e lúdica.

  • Na parte didáctica da actividade lévase a cabo unha introdución contextual, que podeversar sobre o patrimonio arquitectónico (datos históricos) ou engadir información sobre as propias interpretacións, descubríndolle aos participantes o interese detrás das composicións do repertorio (tipos, autoría…) e dos instrumentos protagonistas en cada peza (materiais, sons…). En todo momento se propón un modelo de participación activo, apelando á implicación dos asistentes para enriquecer as explicacións (preguntas, convidar á interacción cos instrumentos…).
  • Na parte lúdica da actividade, o público asiste á interpretación de diferentes pezas (voz e autoacompañamento instrumental). 

Cómpre destacar que os instrumentos empregados durante os mini concertos teñen como valor engadido o feito de seren reproducións de intrumentos musicais reais da época (arpa, viola, fídula…). Pola súa banda, as pezas escollidas para o repertorio forman parte da lírica galaico-portuguesa propia do Camiño, o que supón un engadido ao valor didáctico da actividade por ter relación coa historia do Porriño e, en consecuencia, potenciar o interese turístico a través do seu vínculo co Camiño Portugués.


Esperanza Mara

Ciclo de Música Medieval en Camiño con Esperanza Mara

Artista e creadora multidisciplinar dobremente licenciada en música na variante de canto e violonchelo barroco (Conservatorio Superior de Vigo e Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Oporto). Posúe un Máster en Interpretación en Música Antiga na especialidade de canto e finalizou un en Investigación Musical.

En 2018 crea EMANARTE para a promoción, difusión e fusión da música clásica, onde desevolve proxectos como Tecendo Soños, de recuperación de nanas de tradición oral, ou Óperabreak´s, que fusiona ópera e cultura urbana.



Musica Medieval en Camiño


Cabecera-web-ecultura.png