| Sábado 1 de agosto. 2020
| Ás 22:00 h.
| Centro Cultural de Chenlo » ver mapa
Da man do Rebobina Cine Clube.
A longametraxe animada producida por Deboura Cinema “O pequeno mago” basease na novela “Bieito Dubidoso” de Roque Cameselle publicada por Edicións Xerais.
O mesmo Roque é o autor do guión e dirixe esta película, cuxa trama desenvolvese en Tui e fala das aventuras dun neno prestidixitador, Bieito Dubidoso. Para uns un gran mago, para a maioría un milagreiro, que como asombrosas habilidades ten a facilidade para hipnotizar, a velocidade do movemento das súas mans e a capacidade para crear neve en calquera estación do ano e no lugar que lle veña en gana facelo.
Entre a multitude de personaxes que acompañarán a Bieito nas súas aventuras estarán: Pedro Cabaledo, o seu pai, comerciante de xílgaros e viño; a Nai, lectora sorprendente de libros en arameo; Destreza, unha nena provenzal, enorme e bondadosa; ou o simpático frade Jeztabel, que en parella cómica con o criado Perdiz farán esmendrellar de risa aos máis serios dos espectadores.
En resumo, a maxia, o humor, a reflexión histórica e o amor impregnarán as aventuras do personaxe.
Título orixinal: The Little Wizard. O mago Dubidoso
Ano: 2012
Duración: 80 min.
País: España
Director: Roque Cameselle
Guion: Roque Cameselle
Música: Miguel Cordeiro e Marc Timón
Produtora: Deboura Cinema
Xénero: animación
Sinopse:
Uns piratas normandos asaltan o barco de Pedro Cabaledo, pero o seu fillo Bieito Dubidoso consegue, recorrendo á maxia, que os corsarios fuxan despavoridos. Por mor deste feito, a súa fama esténdese, coñece a Destreza, a súa inseparable compañeira e gáñase a admiración de todos. Con todo o bispo Juan, dono e señor da cidade, non lle perdoará que puxese en evidencia a súa covardía diante dos seus vasallos.