Cinemaldea 2022

| Días 5, 6, 13, 18, 20, 26 e 27 de novembro. 2022
| Parroquias do Concello do Porriño
| Entrada libre e de balde ata completar prazas

Cinemaldea 2022

Organiza: Concello do Porriño | Promove: Asociación Cultural Arela


O Festival de Cans e o Concello do Porriño promoven este ano unha nova edición de Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última edición.

É o segundo ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias rurais que habitualmente non teñen acceso ao cinema. O pasado ano celebrouse por vez primeira e, malia estar aínda baixo as restricións da pandemia, máis de 200 persoas asistiron ás proxecións físicas nas diversas aldeas.

Dado o éxito da convocatoria do pasado ano, o Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte da segunda edición de Cinemaldea. En total sete foron as asociacións culturais e veciñais do Concello do Porriño que se sumaron. As proxeccións arrancarán o sábado 5 de novembro e continuarán todas as fins de semana do mes de novembro.

O sábado 5 de novembro, ás 20:00 h, terá lugar a primeira das proxeccións no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o domingo ás 18:00 h no Centro Cultural San Xurxo de Mosende. As seguintes datas serán en Chenlo, o domingo 13 de novembro, na Asociación Casal-Chan de Budiño o venres 18 de novembro e en Cans o domingo 20 de novembro. As dúas últimas que pecharán o mes e o ciclo, serán no Centro Cultural de Atios o sábado 26 de novembro e na Forna de Budiño o 27 de novembro. Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar o aforo.


Curtas preseleccionadas nos Premios Goya

Este ano dase ademais a circunstancia que as dúas curtas que levaron dous dos premios principais na última edición do Festival de Cans, foron preseleccionadas a pasada semana entre as curtametraxes que optarán aos Premios Goia á mellor curta de ficción, previo paso a unha creba final na que quedarán catro. Tanto “Rompente” de Eloy Domínguez Serén, que levou o Premio do Xurado en Cans, como “La Entrega” de Pedro Díaz, que levou o Premio do Público, estarán na carreira polos Goya e poderán verse nesta nova edición de Cinemaldea. Ademais destas dúas curtametraxes, nestas sesións de cinema no rural tamén se poderán ver “Devoradora de nenos” de Fran X. Rodríguez, que levou o Premio Aisge á mellor interpretación masculina para o coñecido actor Santi Prego, e o documental “18 Cans, mayoría de idade” da realizadora Isaura Docampo, que plasma o espítitu da anterior edición do Festival de Cans, coas veciñas e veciños, a organización e actores, actrices e directores que pasaron polo certame.


Proxeccións

  • Asociación Cultural As Mimosas de Carracido:
    Sábado 5 de novembro, ás 20:00 h
  • Asociación Cultural San Xurxo de Mosende:
    Domingo 6 de novembro, ás 18:00 h
  • Asociación Cultural Chenlo:
    Domingo 13 de novembro, ás 17:00 h
  • Asociación Cultural Casal-Chan de Budiño
    Venres 18 de novembro, ás 20:00 h
  • AA.VV. O Castelo de Cans:
    Domingo 20 de novembro, ás 18:00 h
  • Asociación Cultural Os Penediños de Atios
    Sábado 26 de novembro, ás 17:00 h
  • Asociación Cultural A Forna de Budiño:
    Domingo 27 de novembro, ás 19:00 h

Cinemaldea 2022


Cabecera-web-ecultura.png