Concerto. Baladas da Galicia imaxinaria: Uxía Senlle + Narf

| 27 de maio. 2016
| Ás 21:00 h.
| ACTUALIZACIÓN: Debido á previsión de tempo inestable, este evento celebrarase no Centro Recreativo Cultural, entrada libre e gratuíta
Círculo Recreativo e Cultural do Porriño » ver mapa

Baladas da Galiza Imaxinaria

UXÍA e NARF funden os seus repertorios nun espectáculo conxunto, man a man, e propoñen un concerto de formato intimista, no que nos convidan a coñocer as “Baladas da Galiza Imaxinaria”. É precisamente esta Galiza Imaxinaria un lugar perfecto para achegarnos , a través da música, as historias que emanan das experiencias vividas, un espazo emocional sen fronteiras, con raíces profundas e cos brazos abertos ao mundo de hoxe.

Portan na súa maleta experiencias de intercambio con artistas do mundo lusófono e do da diáspora. Todas e cada unha das cancions teñen unha historia detrás relacionada cunha viaxe, con encontros e complicidades.

Un proxecto que nace do talento e da sensibilidade de dous artistas que en cada balada abren portas e ventás aos corazóns inquedos e aventureiros.

“Na primavera de 2014 cantamos xuntos por primeira vez nunha xira por Chile, Arxentina e Uruguai. Polo camiño, fomos descubrindo que os nosos xeitos, tan diferentes, harmonizaban na sinxeleza, no gusto pola experimentación e no espírito inquedo e viaxeiro. Foi así como recreamos, man á man, algunhas das cancións fundamentais dos nosos respectivos repertorios e outras novas que agora ven a luz.

Entre conversas, encontros e concertos fomos debullando e compartindo a idea dun espazo emocional, que vai alén do puramente xeográfico, que latexa vivo e fértil, no interior de moitas almas espalladas por todo o mundo. Persoas que non beben necesariamente das mesmas fontes culturais, ou que nin sequera son galegas ou de ascendencia galega. Amantes do noso, sen máis. Habitantes da Galiza Imaxinaria.

Pensala desde calquera lugar ou sentimento, ou desde ópticas tan diversas como a curiosidade, a lembranza, a saudade, a esperanza, o descoñecemento, a crítica ou mesmo o desencanto é, dalgún xeito, facela real. Tamén cantala.

Gustaríanos que escoitarades as nosas ‘Baladas da Galiza Imaxinaria’ como un convite a transitar por este espazo inacabado do que tamén sodes parte. E que vos preste a viaxe.”

Uxía e Narf


Logos patrocinioCabecera-web-ecultura.png