Concerto: Banda de Música A. M. Reveriano Soutullo de Ponteareas

| Domingo 23 de abril. 2023
| Ás 20:00 h
Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Banda de Música A. M. Reveriano Soutullo de Ponteareas


  • Ano de creación: 1996
  • Director: José Fernández Prego

Inicia a súa actividade o día 24 de maio de 1996, cadrando co décimo aniversario da inauguración do Auditorio Reveriano Soutullo. Dada a iniciativa e interese pola cultura musical do director do Conservatorio Municipal de Ponteareas, D. Angel Viro Caamaño e do propio alcalde da localidade D. José Castro Álvarez, comeza, así, a súa andadura a Banda de Música do Conservatorio Reveriano Soutullo baixo a batuta de  D. José Fernández Prego.

En 2001, xorde a Asociación Musical Reveriano Soutullo e, cunha identidade propia, a banda de música pasa a ser o seu principal expoñente.

Na súa andaina musical cabe subliñar actuacións en diversas localidades galegas, así como intercambios con outras agrupacións similares, e a participación en distintos certames da provincia. Contribuíu, ademais, en diversos festivais benéficos e homenaxes, e participou en varios programas de televisión. Fóra da nosa comunidade actuou en La Orotava (Tenerife) e foi de xira por terras alacantinas, actuando en Orihuela e Monóvar.

En 2007 organiza un intercambio cultural coa agrupación musical Unión Filarmónica Seixalensede Lisboa (Portugal), participando en distintos actos de ambas as dúas agrupacións musicais, tanto en Lisboa coma en Ponteareas.

Tamén cabe subliñar que obtivo varios premios en distintas edicións do Certame de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra, entre eles, no ano 2005, na terceira categoría, acadou o segundo premio; no 2006, o terceiro; así como tamén o premio Manuel Quiroga ao Mellor Director, D. José Fernández Prego, que dirixe esta agrupación desde os seus inicios.

Na actualidade, formada por máis de cincuenta compoñentes, conta entre eles cun grupo de novas incorporacións, que comparten os seus estudos na escola gratuíta da propia banda coa súa especialización en distintos conservatorios, así como participando nas distintas actividades e actuacións da banda, durante o tempo en que se forman musicalmente.


Cabecera-web-ecultura.png