| Sábado 28 de setembro. 2024
| Ás 19:00 h
| Praza do Cristo » ver mapa
Federación Galega de Bandas de Música Populares
A estrea oficial desta Banda ocorreu a mediados de agosto do ano 2005, coincidindo co día grande das Festas de Agosto desta Vila. Actualmente forman a Banda máis de sesenta músicos dende idades moi novas, a gran maioría alumnos e alumnas da Escola de Música Municipal e do Conservatorio.
Foi xustamente na Escola de Música Municipal, na que se iniciaron numerosos músicos, a que rematou de conformar a idea da creación dunha banda de música propia.
A estruturación da Banda de Música de Caldas foi obra de Dona Milagros Valiño Ferreiro -Mila- e dende a súa creación foi a Directora Titular da mesma. No 2006 creouse a Asociación Cultural Mariñoleira, que ten como obxectivo a promoción da Banda de Música e a programación de actividades relacionadas coa actividade musical en xeral.
En 2007 faise cargo da Dirección da Banda de Música de Caldas, D. Daniel Portas González. Ese ano a Banda participa no Certame de Bandas da Deputación de Pontevedra, acadando o 2º Premio na Sección Terceira. En 2008 participou no Certame Internacional de Bandas de Música Cidade de Valencia, onde acadou unha Mención Especial.
No 2009 obtivo un 2º Premio no Certame Comarcal de Bandas de Música de Valga e participa no Festival de Bandas de Aranda de Duero, obtendo unha Mención Especial. Tamén, en outubro do 2009 participa no Certame de Bandas de Música organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra. En novembro deste mesmo ano participou no III Certame Galego de Bandas de Música, en Santiago de Compostela. No ano 2010, participa no IV Certame Autonómico, na Sección Especial, obtendo o 2º Premio.
En 2015 D. Diego Fortes Conde convértese no novo director. A banda participa en 2017 no XI Certame Galego de Bandas, obtendo o segundo premio en sección segunda.
En 2019 participará no XX Certamen Internacional de Bandas de Música Villa de Aranda. No 2021, Javier Penido toma o relevo na batuta da formación. Baixo a súa batuta a agrupación participa en 2022 no XV Certame Galego de Bandas de Música Populares, conseguindo un segundo posto. Recentemente, en 2023 participa no XVI Certame Galego de Bandas de Música Populares, conseguindo o primeiro premio na Sección Primeira.