Concerto: Banda de Música Municipal de Redondela

| Dominfo 16 de abril. 2023
| Ás 20:00 h
Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Banda de Música Municipal de Redondela


  • Ano de creación: 1950
  • Director: Ricardo Oliver Sorera
  • Nº de compoñentes: 28

Existía en Cabeiro, parroquia de Redondela, unha afamada banda de música que xa nos anos trinta era convidada a participar nas festas do Apóstolo en Santiago.

No ano 1950 estaba dirixida por Manuel “O Bailador”, conxuntamente co seu fillo Plácido Lorenzo, outro músico de gran prestixio.

As desavinzas entre Plácido e Francisco Otero, gran instrumentista da trompeta, fixeron que algúns dos músicos desta banda se achegaran a Redondela, onde foron recibidos por músicos que estaban desexosos de formar unha banda na localidade.

Victor Ureña, primeiro director e excelente compositor, na compaña de Cesáreo Blanco, instrumentista, empezou a formar novos músicos que se foron incorporando á banda. Tomaron a denominación de municipal e a praza de director estaba dotada polo Concello. Esta agrupación percorreu a xeografía galega e española, deixando moi alto o nome da vila de Redondela.

Os anos que van dende 1954 a 1959 foron de consolidación, e puxeron a Banda de Redondela como unha das mellores de Galicia. Tanto é así que no Concello de Ribadavia, por mor das súas actuacións, puxéronlle o nome de Redondela a unha das súas rúas.

No ano 1962, Víctor Ureña abandona o cargo de director e colle o relevo Antonio Vaquero. Tres anos estivo desempeñando o posto, e o máis destacado que se pode indicar é que a banda se mantivo no tempo.

No ano 1966, colle a batuta Enrique García Rey, compositor e persoa que non só mantivo a agrupación, senón que a mellorou, ata que nos anos 70 se despraza a Ciudad Real.

Durante 26 anos permanece de director Raimundo Otero Castro, co que a banda chega a gañar un premio en Santiago de Compostela; pero, nestes últimos anos, a vida e a música da Banda foise esquecendo e está en perigo de desaparecer.

Temendo a súa desaparición, un grupo de músicos púxose en contacto con Jesús Martínez Álvarez, antigo discípulo do mestre Víctor Ureña, e así, o día 6 de xaneiro de 1998, Jesús Martínez Álvarez colle a batuta da dirección da Banda de Música de Redondela.

Incorporando novos instrumentos e novos músicos, a banda hoxe percorre toda a xeografía española, e alcanza notables éxitos en certames como os de Pontevedra, Santiago de Compostela e Ourense; mesmo chegou a actuar no Centro Galego de Roterdam (Holanda).

Na actualidade, o director da banda é Ricardo Oliver Sorera, exmúsico da Escola Naval de Marín.

Co saber dos actuais compoñentes, co entusiasmo do seu director, coa incorporación de novos músicos e coa colaboración dos antigos, o nome musical de Redondela ten o futuro garantido.


Cabecera-web-ecultura.png