Concerto da Banda de Música Popular de Tui

ACTUALIZACIÓN: suspendido por previsión meteorolóxica adversa

| Domingo 16 de xuño. 2024
| Ás 12:30 h
Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Concerto da Banda de Música Popular de Tui

O día 5 de febreiro de 1881 é a data máis fiable que se pode dar sobre a fundación da Banda de Música de Tui, composta nun primeiro momento por 31 músicos e sendo o seu primeiro director D. Severino Castillo que posteriormente sería substituído por D. Crisanto Castillo.

Dende entón actúa sen interrupcións ata 1936, ano no que desaparece a consecuencia da Guerra Civil Española. Reaparece de novo no ano 1942, disolvéndose de novo ao pouco tempo por falta de medios económicos ata 1967.

Xa, por fin, no ano 1980 empeza a formarse dunha maneira máis sólida dando lugar á banda actual, e como consecuencia da creación dunha Escola de Música. Tamén apoiou á formación do conservatorio que hoxe en día existe en Tui con máis de 350 alumnos que se educan e perfeccionan baseándose na profundización da técnicas musicais.

Por esta Banda de Música pasaron directores tan coñecidos como Temes, Groba, Vicente Simeó, Adolfo Besada entre outros moitos. Tamén se formaron importantes músicos que hoxe en día percorren o mundo tocando en numerosas orquestras, tanto clásicas coma populares, en bandas e impartindo clases como profesores superiores.

Esta asociación perfeccionou a súa labor musical con actuacións por toda Galicia, lugares como Pozuelo de Alarcón, San Martín de Valdeiglesias, Alcorcón ou o Distrito de Moncloa, pertencentes á Comunidade de Madrid. Tamén en Xeraco, Bellreguard, Almoines ou Coves de Vinromá, pertencentes á Comunidade Valenciana. Actuacións en Avilés, na comunidade de Asturias. Tamén realizou actuacións internacionais en Bos Aires (Arxentina), Águeda, Coimbra, Torres Vedra en Portugal. Xunto coas actuacións participou en numerosos Certames de Bandas e colaborou na irmandade de coros entre España e Portugal, tocando conxuntamente con eles.

A Banda de Música Popular de Tui tamén chegou aos medios de comunicación televisivos colaborando con programas como “Galicia Enteira”, “Un país na mochila”, “Galicia no mundo” ou “Luar”, entre outros.

O 31 de outubro de 2006 concédeselle á Banda de Música Popular de Tui unha Mención Honorífica Especial por tódolos méritos contraídos ao longo da súa historia así como representando á cidade de Tui.

Na actualidade a Banda de Música Popular de Tui está dirixida por Eloy Carrera Bernárdez.



Cabecera-web-ecultura.png