Actualización: nova incorporación ao programa
| Venres 26 de decembro. 2025
| Ás 21:00 h
| Círculo Recreativo Cultural » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata completar prazas

Deputación de Pontevedra | Concello do Porriño
Este Nadal, a Deputación de Pontevedra programa unha serie de concertos especiais en espazos dos concellos da provincia que conformarán a segunda edición do ciclo Entradiñas de Aninovo. Entre os meses de novembro de 2025 e xaneiro de 2026, poderemos deleitarnos de novo coa música clásica, tradicional e popular, cun repertorio participativo e acaído para esta época do ano e para poder gozar en familia.
Néboas. Javier otero Neira
Coa colaboración especial de Tania Caamaño
Javier Otero Neira defínese a si mesmo como un artista polifacético e experimental. De formación clásica, iniciou os seus estudos na súa localidade natal, A Estrada, e finalizounos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Sempre estivo interesado na música de vangarda. É neses anos cando forxa a súa personalidade como músico e pianista e desenvolve o seu interese polos novos formatos de concertos e polas novas músicas. A súa versatilidade levouno a asinar o seu contrato con Yamaha Artist en 2018. Gañador de primeiros premios en concursos nacionais e internacionais, decide emprender o seu propio camiño no mundo profesional. Gravou para RNE Radio Clásica, a Radio Galega, a TVE, a TVG e a Televisión Croata. Desde hai anos apostou pola creación do seu propio selo discográfico, co que sacou ao mercado Impromptus (Schubert, Chopin, Fauré), Galician folk songs (compositores galegos), Vibrations (Rautavaara, Prokófiev, Ginastera), Intuition vol. I&II (Javier Otero), Nocturnos (Chopin, Fauré). O seu traballo Reconstruction foi un punto e á parte na súa carreira como creador, na que continúa, ademais, como intérprete. No 2022 publicou o seu disco Saraiba, que o levou a realizar a versión orquestral para a Real Filharmonía de Galicia co seu proxecto chamado Xogo de espellos. O 12 de novembro de 2024 estreou a súa primeira ópera en galego dentro da tempada de Amigos da Ópera da Coruña, Pálido punto azul, con libreto orixinal de Iria Azevedo.
Néboas é un territorio onde as emocións se moven como o vapor: cambian de forma, espállanse, desaparecen e regresan. O piano e a electrónica debuxan a contorna, e a voz, ás veces fráxil, ás veces afiada, atravesa a mestura como un fío quente na brétema. En termos musicais, podería interpretarse a través de texturas sonoras que poden evocar a sensación de estar envolto na néboa, con capas de son que desaparecen e reaparecen, creando unha atmosfera misteriosa e inmersiva. Neste proxecto, Javier Otero Neira presenta tamén tres temas con letras propias, interpretadas por Tania Caamaño: Dixen si, Que é voar e Vida ó revés. Nelas a voz flota entre o anhelo e a ruptura, entre o non entender e o non querer desaparecer, a vida como un movemento irregular, cheo de subidas e baixadas, feridas agochadas e respiracións curtas.

