| Venres 14 de setembro. 2018
| Ás 19:00 h.
| Carpa do Roxy » ver mapa
| Entrada libre e de balde ata compretar aforo
| Patrocina: Deputación de Pontevedra
Mamá Cabra é un grupo de música infantil galego que iniciou a súa andaina no ano 2000. Desde entón editou xa oito traballos, tres deles na Editorial Galaxia. O resultado de unir os temas máis pegadizos de cada un deles é o recompilatorio Deveribés (un xogo de palabras, algo así como o mellor do mellor, “the very best”).
Os seus espectáculos musicais son moi participativos e a súa música é divertida e incorpora valores didácticos, como a adquisición de hábitos saudables, ou o desenvolvemento das capacidades psicomotrices a través do baile e os movementos coordinados. Os ritmos modernos (rock, pop, funk…) dotan a Mamá Cabra dun especial atractivo que seduce, desde fai máis de dez anos, a miles de nenos e nenas, e ás súas familias.
A idea orixinal naceu de Gloria Mosquera Roel, que preparaba cancións para as súas clases de Educación musical. O grupo ten como formación básica cinco músicos: guitarra eléctrica, baixo eléctrico, batería, vento e voz, e, segundo os proxectos, esta formación vese ampliada coa incorporación de coro, acordeón e outros instrumentos.
Gloria Mosquera Roel e Tomi López levan anos colaborando no proxecto Eu cociño, ti cociñas?, unha proposta onde a cociña e a alimentación saudable son as protagonistas.
Grazas a este proxecto impulsado polas mestras María Salgado e Pilar Rivas do Ceip Sigüeiro, á colaboración do alumnado e das súas familias… Sae o seu novo traballo “EU COCIÑO, TI COCIÑAS?”, un album-cd editado por Sonárbore e un espectáculo músico-teatral con Gloria Mosquera, Tomi López, Pachi Cruz, Max Gómez e Luchi Iglesias, onde se recollen todas as cancións que acompañan o día a día destas nenas, nenos, mestras e familias!.