Concerto: Los Limones

| 29 de setembro. 2016
| Ás 22:30 h.
Carpa do Roxy » ver mapa

Hai grupos que teñen o seu momento, Los Limones tivérono, deixáronnos grandes composicións que son lembradas con nostalxia a pesar do tempo transcorrido. Ese momento pasou, pero non a paixón de Santi Santos pola música, unha paixón infinita que fai que o grupo se manteña na actualidade á boia, contra vento e marea. Mesmo se diría que cancións como “Te voy siguiendo”, “El canto de la sirena”, “Trenes sin destino” ou “Ferrol” mantéñense plenamente vixentes, gañando novos matices que a retrospectiva nos permite captar.

Los Limones facturan un popmelancólico e sentimental con certa cadencia country, sobre todo nos seus primeiros discos, e unhas letras, obra de Santi Santos, que conectan directamente con Enrique Urquijo e Antonio Veiga. De feito, o seu son aproxímase a Los Secretos, Nacha Pop e Mamá.

O grupo nace no 83 en Ferrol e comezan a tocar baixo o nome de Los Limones del Caribe, uns inicios nos que pola formación inicial van pasando distintos músicos ata asentarse con Santi Santos (voz solista), Abel López (batería), Andrés Pita (guitarra solista), Pepe Ramos (guitarra rítmica e voz), Antonio Porto (baixo) e Álvaro Lamas (steel guitar). Máis tarde o grupo simplifica o nome a un máis efectivo Los Limones e entrega grandes cancións pop como “Te voy siguiendo”, tema omnipresente en calquera recompilatorio de pop español que se prece, e “Cuando aparezca el sol”.

Os cambios na formación foron unha constante ao longo de toda a historia do grupo, así pronto nos atopamos con Pipo García entrando á batería, posto polo que pasarían Manolo Beceiro e Iván Ramos posteriormente. Tamén moitos outros músicos como Carlos Marca (baixo), Juan de Dios Martín (piano, hammond, programacións), Miguel da Cierva (guitarra), Rafa Pereira (guitarra rítmica, baixo, contrabaixo), Jose Ciller (guitarra), Javi Amor (guitarra) e Toni Simao (baixo). Saídas e entradas continuas, voltas e revoltas que poñen de manifesto que Santi foi sempre o fío condutor desta gran familia.

Los Limones, convertido xa nun proxecto persoal de Santi Santos, volven en 2014 co seu álbum número trece: “13 Limóns”. Un disco que ademais inclúe trece cancións: dez temas inéditos compostos por Santi e tres versións novas de temas existentes: a revisión de “Ferrol”, e as adaptacións de “Teño saudade” de Andrés do Barro e “Pueblo mío” de José Feliciano. Fascinado pola numeroloxía, un tema recorrente na súa obra, Santi fai unha homenaxe ao número 13, considerado por el mesmo máxico e maldito á vez.

Un ano despois chega “Quintos del 64”. Un novo traballo no que regravan vellos temas e entregan novas composicións. O primeiro single do disco é “Quintos del 64”, un corte que recupera as tinguiduras rockabilly tan identificables da súa primeira época dulcificados con suaves coros. Un tema co que Santi canta aos seus 50 anos e a todos aqueles que naceron no seu mesmo ano.

Máis información sobre Los Limones, no seu perfil de Facebook » ligazón externa


Cabecera-web-ecultura.png