Concerto polo Día das Letras Galegas: BREO

| Sábado 17 de maio. 2025
| Ás 21:00 h
Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Concerto polo Día das Letras Galegas: BREO

Organiza: Servizo de Normalización Lingüística e Concellería de Cultura
Colabora: Deputación de Pontevedra


O Día das Letras Galegas 2025 dedícaselle este ano ás cantareiras e á poesía popular oral, unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións”, afirman dende a Real Academia Galega.

A candidatura concéntrase en sete mulleres que, ao longo da historia, formaron parte do folclore musical galego: as irmás Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía); Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as catro últimas integrantes das Pandereteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).

Así mesmo, esta candidatura “refírese tamén ás xeracións de intérpretes e creadores actuais que demostran que na propia esencia da poesía popular oral está evolucionar e cambiar”. Desde os que recolleron cantigas directamente nas aldeas ata os artistas máis modernos que mesturan a música moderna coas letras e ritmos das cantigas populares de tradición oral.

O Concello do Porriño aposta tamén por esta conxunción musical para celebrar a cultura galega o vindeiro 17 de maio, cun festival de corais (+ INFO) e co concerto do artista BREO.


BREO

Concerto polo Día das Letras Galegas: BREO

Un novo grupo de folk que emana e bebe da tradición galega, mesturando a música tradicional e a cultura inmaterial de Galiza con novos sons, creando unha música contemporánea de raíz.

Cun directo potente, fresco, e á súa vez maino e afabel, BREO translada, coa forza de todos e cada un dos seus compoñentes, a importancia e o valor de que as nosas músicas continúen vivas.

BREO fórmase a finais do ano 2022 coa coas ganas de facer música folk dos seus cinco compoñentes. Deciden publicar o seu primeiro sinxelo en febreiro de 2023, dando a coñecer xa de forma aberta o proxecto no que se está a traballar coa musicalización do poema “Nao Senlleira”, de Fermín Bouza Brey, título do sinxelo.

En xuño do mesmo ano, sae á luz o segundo sinxelo, neste caso instrumental, composto por Bieito Romero Diéguez, titulado “Alumea-lo pan”.

Cunha continuidade, tanto nos directos, pasando por lugares como Festival Folk de Sisalde (Arteixo), Magosto de Balboa (O Bierzo) o Feito a Man (Santiago de Compostela), arqueixa Rock & Folk (Laza), St. Patrick’s (A Coruña e Chantada)…, como a nivel compositivo en xaneiro de 2024 sacan o seu 3º single “Canto Raibas” coa colaboración de Sabu l’Aviseu.

Ese mesmo ano, sacan o seu primeiro traballo discográfico; “Máis alá”, onde aparecen cancións novas, compostas polo grupo, e cancións recuperadas do repertorio tradicional galego e de otras nacións do atlántico, como Irlanda.

Neste primeiro traballo, BREO, quixo reflexar a importancia que ten dentro da cultura galega o mundo máxico que convive con nós, narrando, a través da música, costumes, crenzas ou ritos que chegaron ate os nosos días, recordando á figura, imprescindible, que conseguiu que isto fora posible: os nosos maiores.




Concerto polo Día das Letras Galegas: BREO


Cabecera-web-ecultura.png