Concerto Solidario por Ucraína

ACTUALIZACIÓN: NOVA INCORPORACIÓN AO PROGRAMA

| Domingo 3 de abril. 2022
| A partir das 17:00 h
Rúa Antonio Palacios » ver mapa

Concerto Solidario por Ucraína. Concello do Porriño

Organiza: Concello do Porriño | Colaboran: Eventos Salpor e Go Music 


O Porriño acollerá este domingo, día 3 de abril, o concerto solidario organizado polo Concello en beneficio do pobo ucraíno, que tanto está a sufrir pola invasión rusa.

O evento, no que participarán altruistamente o grupo América, Orquesta El Combo Dominicano e os artistas, Antonio Barros e iAlma, foi presentado esta mañá (31/03/2022) no salón de plenos do Concello.

O alcalde, Alejandro Lorenzo , e os concelleiros Bienvenido Estévez e Antía Carrera, estiveron acompañados no acto de presentación por representantes das entidades colaboradoras do evento: o presidente da Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, Indalecio Cuevas, o xerente, David Sobral, o artista local, Antonio Barros, e os representantes das empresas Go Music e Eventos Salpor, Miguel Díaz e Leonardo Fernández.

O rexedor convidou a toda a veciñanza do Porriño e da contorna a asistir ao evento e contribuír a axudar ás persoas refuxiadas. “Síntome moi orgulloso de formar parte deste pobo”, asegurou Lorenzo, “En canto apelamos á súa colaboración os porriñeses e porriñesas, unha vez máis, deron exemplo de solidariedade e entrega. O fixeron cargando un trailer de axuda humanitaria e sei que o farán agora tamén”. Neste sentido o rexedor quixo extender o seu agradecemento “a todos aqueles veciños que de maneira totalmente desinteresada ofreceron as súas vivendas para acoller a persoas refuxiadas” .

Cabe destacar que en total foron 20 as familias porriñesas que se ofreceron para acollida e cuxa disposición, xunto coas 20 prazas ofertadas polo Concello, se enviou ao Ministerio encargado de coordinar e xestionar a acollida de refuxiados.

Pola súa banda, o presidente dos empresarios, Indalecio Cuevas, animou a colaborar á cidadanía “e darlle un pouco de cor e música a esta situación que lamentablemente estamos a vivir e na que temos que ser enormemente solidarios”. Así, os empresarios abriron unha conta na que conseguiron recadar fondos que serán canalizados a través do Concello para axudar á poboación ucraína.

Tamén estiveron presentes na presentación Arturo López e Merchi Díaz, dous veciños do Porriño que acolleron xentilmente na súa casa a catro mozos ucraínos que abandoaron o seu país fuxindo da guerra. Os mozos, de entre 12 e 24 anos, pediron axuda para sair de Jarckov, a primeira cidade ucraína bombardeada, e esta familia porriñesa non dubidou en abrirlles as portas da súa casa. Un xesto de xenerosidade que o rexedor quixo agradecer públicamente “en nome de toda a veciñanza do Porriño, moitas grazas polo voso exemplo”.

Os fondos obteranse coa “Fila 0”, na que todo aquel que queira disfrutar do concerto poderá facer a súa doazón. A tal fin, o concello habilitou un número de conta cuxa recadación se destinará íntegramente a axuda humanitaria e na que se poderán facer as súas achegas tanto particulares como empresas.

Doazóns Fila 0: IBAN ES13 2080 5054 0831 1002 7980

Concerto Solidario por Ucraína


Antonio Barros e iAlma

Antonio Barros e iAlma

“Antonio Barros e iAlma” é o dúo acústico (piano e voz) que nace da unión destes artistas galegos no ano 2021 fruto da casualidade e dos anhelos de levar a música galega a un plano persoal e diferente. Suman xa máis dunha vintena de concertos por toda a xeografía galega e no estranxeiro.

“Con iAlma” é un espectáculo de boleros e baladas moi coñecidos, onde falan das distintas formas do amor e fan unha pequena viaxe a través de todas elas. Tan só coas teclas do piano e unha voz, de xeito moi íntimo para chegar o máis profundo dos corazóns.

Actualmente están a traballar no seu primeiro disco: “O Camiño de Vieiras Amarelas”, co cal pretenden dar visibilidade a diferentes realidades a través da viaxe persoal de catro personaxes mentres realizan o Camiño de Santiago, facendo un paralelismo co camiño de baldosas amarelas do “Mago de Oz”.

“O Camiño de Vieiras Amarelas” tamén é unha filosofía de vida, un xeito de entender o mundo, onde a tolerancia, o respecto e a empatía empoderan a nosa bandeira, a nosa música, a nosa vida.


El Combo Dominicano

El Combo Dominicano

A súa historia comeza no ano 1992, cando os seus mozos fundadores, naturais da República Dominicana, poñen rumbo ao arquipélago canario coa súa formación “Orquídea” para tocar nos entroidos. As similitude que estas illas gardan coa súa terra, fixéronlles botar raíces aos seus compoñentes.

Tras esa primeira xira quedaron e formaron a nova agrupación, que logo de actuar en diversos puntos serían bautizados polo público canario como “El Gran Combo Dominicano”.

Anos máis tarde chegaría a súa conexión con Galicia e, tras un enorme traballo e facendo grandes sacrificios, leva máis de 5 anos congregando a miles de persoas cada noite entre os meses de maio e outubro.

Esta é, moi resumida, a historia do Combo Dominicano onde ninguén pode pensar que El Combo Dominicano apareceu da noite para a mañá, e que, como saída dunha chistera, converteuse nunha das principais referencias da verbena galega e, probablemente, unha das que máis público está a congregar alá onde actúa.

Cumbia, bachata, salsa e, sobre todo, merengue adornan o seu amplo repertorio, no que non faltan versións de cancións coñecidas e de éxito en cada momento, nin tampouco outras moitas de composición propia, sempre buscando a conexión co público.

Actualmente a agrupación está formada por Juan Carlos Balbuena, Davinia Fleitas, Oliver Pérez, Eulicer Aróstegui e Néstor Pena son as voces e dianteira da formación, que completan Yesenia Pereira e Raquel Lorenzo no corpo de baile.

Da parte rítmica encárganse Papy Bass Beltre (baixo), Cirano Núñez (teclista) e Jorge Polanco, Roberto Alcántara e Carlos Alfredo Ortiz (percusionistas).

Nos metais atopamos a Osvaldo Zorrilla e Nino Sax, nos saxos alto e tenor, e José Chacón e Jorge Sandoval ás trompetas.


Grupo América de Vigo

Grupo América de Vigo

O grupo América foi fundado en 1976 na cidade de Vigo. Entón formábano cinco compoñentes, que xa marcaban un estilo diferente fronte aos grupos que entón estaban en activo en Galicia, pois no seu repertorio predomina o rock e o que entón se chamaba música electrónica e máis tarde foi denominado tecno-pop.

O seu repertorio está baseado en música pop e rock, que en orixe podería resultar máis atractivo a un público novo pero con 38 anos de historia e de repertorio, contan na súa bagaxe cancións para contentar a todas as idades e a todo tipo de públicos. Fan 110 galas de media ao ano e o seu ámbito de traballo é o noroeste: Galicia, Asturias, Cantabria e Castela-León.

Clásicos no que ao pop e rock refírese, pero tamén modernos no repertorio, adaptados ao gusto actual e cun respaldo técnico acorde co traballo que desenvolven desde o escenario robotizado móbil que levan a todas as súas actuacións.

Contemporáneos de Freddy Mercury ou de David Gilmore e de tantos outros xigantes do rock, América é puro rock que se move por Galicia desde Vigo.


Concerto Solidario por Ucraína. Concello do Porriño


Cabecera-web-ecultura.png