Concerto: Treixadura

ACTUALIZACIÓN: NOVA LOCALIZACIÓN

| Xoves 22 de setembro. 2022
| Ás 22:00 h
Rúa Domingo Bueno Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Concerto: Treixadura

Deputación de Pontevedra. Musigal


Treixadura recala para presentar o seu novo traballo, Camiño longo e celebrar os máis de 30 anos de andaina do grupo.

Con Camiño longo, Treixadura quere recuperar as melodías dos inicios do grupo para descubrir como lles acae a madurez e a experiencia aos temas máis emblemáticos. Este disco é o rexistro dunha parte da vida compartida con todo o público do grupo: 30 anos de emocións que embotellamos coa esperanza de que vos leven a revivir momentos entrañables.


Xira presentación do libro-disco de 30º Aniversario “CAMIÑO LONGO”

Tras dous anos de parada forzosa, Treixadura celebra no ano 2022 o seu 30º Aniversario presentando un novo disco, e o mellor xeito de festexalo é con todo o seu público; tódolos miles de seguidores que ao longo destas tres décadas os acompañaron de xeito incondicional. O grupo de gaiteiros que formaron Treixadura no 1990 poden ver, 32 anos despois, como o seu proxecto de música tradicional chegou converterse nunha auténtica institución en Galicia. Os concertos de Treixadura ao aire libre son un gran espectáculo de música tradicional cun despregamento de luz e son de alto nivel. En interiores adaptámonos as condicións do local A duración do concerto é de 90-100 minutos, precisando, ademais, de unha hora e media para probas de son e luz. Como concertos especiais e destacados podemos mencionar, no ano 2017, o celebrado na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela o día 30 de xullo, con motivo das Festas do Apóstolo, no que Treixadura convidou ao Coro Cantigas e Agarimos e, a maiores, á Banda de Música Municipal de Santiago. No ano 2019, entre os case 30 concertos realizados, destaca o que encheu a Praza de Mª Pita da Coruña, celebrado en colaboración coa Banda de Música Municipal, con motivo das Festas de María Pita.

Treixadura, a gran referencia da música tradicional en Galicia Dende 1990, constitúe un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita. Durante este tempo o grupo foi modelando o seu camiño, transformando o estilo, pero sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico. Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional. Foron tres décadas de gravacións e concertos, 8 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas con outros artistas, como Rodrigo Romaní, Kepa Junkera, Leilía, Quico Cadaval, Tanxarina, Donicelas ou Pedraquetiña, e compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo. Os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas de música populares; que permanecen en nós desde a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e cancioneiros… son e serán a inspiración da música de Treixadura. Treixadura ao vivo constitúe un gran espectáculo de luz e son con 16 artistas no escenario compartindo as súas emocións co público, ao que fai partícipe e protagonista do seu espectáculo, resultando un gran coro formado por público e artistas, intercambiando as súas emocións e gozando da forza da nosa música. Treixadura foi galardoado nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax, entregados en decembro de 2013, como o Mellor Grupo de Música Tradicional Galega. En 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística pola súa exquisitez no tratamento musical e escénico do noso folclore e o seu traballo a prol da recuperación da música tradicional galega. No seguinte enlace móstrase unha foto de 360º do concerto celebrado o 30 de xullo de 2017 na Praza da Quintana en Santiago de Compostela con motivo das festas do Apóstolo, convidando ao coro Cantigas e Agarimos e, a maiores, á Banda de Música Municipal de Santiago. Tamén foi excepcional o concerto celebrado o 15 de agosto de 2019 na Pza. de Mª Pita da Coruña, conxuntamente coa Banda de Música Municipal da cidade.



Concerto: Treixadura


Cabecera-web-ecultura.png