Concertos infantís: Xeración M / King kids

| Venres 2 de outubro. 2026
| Ás 21:00 h
| Praza Antonio I. Paz Valverde » ver mapa

Concertos infantís: Xeración M / King kids


Xeración M

Xeración M

Con só entre 11 e 13 anos, Javier, Mateo, Raúl, Antón, Javi e Fabio forman unha banda que sorprende pola súa enerxía, talento e madurez sobre o escenario. Levan xa dous anos actuando en directo e, malia a súa xuventude, demostran unhas táboas e unha seguridade propias de músicos con moita máis experiencia.

O grupo nace na escola de música da que todos forman parte desde pequenos, inspirado por King Kids, unha banda na que se vían reflectidos e que os animou a dar os seus primeiros pasos xuntos.

Con apenas 10 anos presentáronse ao concurso “A Canción do Nadal” da CRTVG co seu propio tema Chegou o Nadal, conseguindo situarse entre os catro finalistas. Só un ano despois volveron participar con Soará o Nadal e desta vez proclamáronse gañadores do certame. A partir dese momento, a banda comezou a despegar: televisión, radio, entrevistas e novas actuacións nas que seguiron sorprendendo pola súa naturalidade e forza escénica.

O seu talento chamou tamén a atención do programa Dígocho Eu, que lles brindou a oportunidade de compoñer e gravar a banda sonora do seu espazo infantil Digochiño, converténdose nun auténtico himno para os máis pequenos da casa. Tras o éxito da canción chegou Ao cole vou, contando en ambas as producións coa participación de Esther e o Digochiño, tanto nas cancións como nos videoclips.

Actualmente, a banda continúa medrando e evolucionando cara a un son máis adolescente, con novos temas propios como “Valientes” e “Invades mi arte“.

Frescos, divertidos e cunha enerxía contaxiosa, o que máis lles gusta é subir ao escenario, pasalo ben e facer que o público tamén o pase en grande. Xa actuaron en festivais como Cantoconto, dedicado ao público infantil, en acendidos de luces de Nadal e en diferentes eventos e concellos de toda Galicia.

Se algo teñen claro Javier, Mateo, Raúl, Antón, Javi e Fabio é que isto non fixo máis que comezar.



King Kids

King Kids

King Kids é unha das novas propostas do panorama musical galego. O grupo nace en 2019 nunha escola de música, onde os seus oito integrantes, rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos, descubriron que compartían algo máis que as clases: a paixón pola música e polos escenarios.

O que comezou como unha experiencia lúdica deu un importante salto en decembro de 2021, cando gañaron o Concurso do Nadal da CRTVG co seu tema inédito Un bo Nadal. A partir dese momento decidiron levar o proxecto un paso máis alá, comezando a compoñer e gravar as súas propias cancións.

Así chegou Unha pegada, tía, o seu primeiro single oficial, ao que seguiría Llegó el verano. Con estes primeiros lanzamentos, King Kids comezou a consolidarse como banda, sumando concertos e compartindo escenario con artistas de recoñecida traxectoria.

Un novo impulso chegou coa súa participación no concurso do programa da CRTVG DígochoEu, do que resultaron gañadores. A canción Dígocho eu conquistou tanto ao público como ao xurado e chegou a converterse nun tema moi popular entre escolas e institutos galegos. O seu videoclip superou as 75.000 visualizacións, converténdose ademais nunha das cancións con máis reproducións da CRTVG en Spotify.

Desde entón continuaron ampliando o seu repertorio con temas propios como A nosa festa é a mellor ou Terra Verde, unha canción que celebra a riqueza e a beleza da terra na que viven. O seu traballo máis recente, Si´Somos, pon o foco na importancia que a tecnoloxía ten na vida das novas xeracións.

King Kids xa levou o seu directo a festivais, inauguracións, acendidos de Nadal e grandes escenarios como a Cidade da Cultura de Galicia, ademais de participar en programas de televisión como Luar ou Quen anda aí?, así como en entrevistas e espazos radiofónicos.

Cun directo sorprendente para a súa idade, enerxía, talento e moitas ganas de medrar, King Kids continúa perseguindo un soño que comezou cando aínda eran nenos: facer da música o seu camiño.